A programación está composta por unha ducia de actividades como conferencias, exposicións, actuacións e ruta de tapas
O mes de setembro en Tui estará centrado nas actividades programadas para a posta en valor do patrimonio que atesoura a localidade en relación coa presenza de comunidades xudías e criptoxudías ao longo dos séculos de histórica.
Unha celebración que terá lugar no mes de setembro en 35 países de toda Europa dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía.
Visitas guiadas tematizadas, conferencias, exposicións, concerto de música sefardí ou as xornadas gastronómicas sefardís son as ofertas que o Concello de Tui programa para este “Setembro xudeu” co obxectivo de poñer en valor a importancia da herdanza da cultura xudía e o seu patrimonio.
A familia, o tema central do «Setembro xudeu»
Cada ano se selecciona unha temática central que serve como punto focal para debates, actuacións e diversas actividades culturais. Este 2024, o tema central das Xornadas Europeas da Cultura Xudía será “Familia”. Un concepto co que a Rede de Xuderías quere mostrar como o proxecto común de recuperación do legado xudeu, que comparten as súas 21 cidades, é entendido como a extensión dunha gran familia que traballa unida.
Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, «a celebración deste Setembro xudeu reúne un amplo abano de ofertas e actividades para todos os públicos» explicaba. Ademais, aproveitou para lembrar que «Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu”».
Ana María Núñez destaca, xunto ás visitas teatralizadas, a presentación do libro e exposición de Vilma Faingezicht, a conferencia de Israel Doncel, o concerto do dúo Terra sigilata co seu espectáculo “Las madres de Sefarad”, o xogo de escape room ou a nova oferta das xornadas gastronómicas sefardís cunha ruta de tapas de bacallau en oito establecementos tudenses.
Podes consultar a programación completa na páxina web do Concello de Tui.