Luis López, presidente da Deputación, remarcou o firme compromiso do goberno provincial co sector primario
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou hoxe na súa visita á empresa Horsal en Cambados, que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobará este venres destinar 250.000 euros ás cooperativas agrogandeiras da provincia.
López remarcou o compromiso do goberno provincial co sector primario e explicou que se trata dun “motor económico fundamental, vital para a economía e o emprego desta provincia e esencial para afrontar o reto demográfico e fixar poboación”.
Deste xeito, e co obxectivo de impulsar o sector primario, a Deputación de Pontevedra, tal e como adiantou o presidente, aprobará mañá o reparto dos 250.000 euros de axudas ás cooperativas agrogandeiras da provincia.
En total, segundo explicou López, son 14 cooperativas, entre as que se atopa Horsal, de oito concellos as que se beneficiarán desta liña de axudas que se puxo en marcha atendendo as propostas e necesidades do sector primario e que, tal e como adiantou, terán un incremento de cara ao próximo ano.
Ademais da liña de axudas a cooperativas agrogandeiras, a Deputación ten outros programas en marcha de apoio ao sector primario. Por unha banda atópanse os dous centros de investigación pioneiros: Areeiro, desde onde se investiga e fai fronte a pragas que afectan a cultivos agrícolas, e Mouriscade, desde onde se analiza e garante a produción de carne e leite de excelente calidade.
Ademais, colabora con entidades como a Fundación Semana Verde de Silleda, Feira Deza, a
Denominación de Orixe Rías Baixas ou a Ruta do Viño.