lunes, septiembre 16, 2024
InicioA terraMedio AmbienteA Xunta activa a prealerta por escasez moderada no sistema do río...

A Xunta activa a prealerta por escasez moderada no sistema do río Lérez

A Oficina Técnica da Seca acordou adoptar esta medida ante o descenso do caudal circulante rexistrado na zona desde mediados de xullo, polo que se intensificará o seguimento da situación meteorolóxica e os niveis dos ríos, encoros e acuíferos

A Xunta activa a prealerta por escaseza moderada de auga no sistema do río Lérez, na provincia de Pontevedra. Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e que contou coa participación tanto de distintos técnicos do organismo hidráulico autonómico como de representantes de Protección Civil, MeteoGalicia e as Consellerías de Sanidade e Medio Rural.

Deste xeito, malia non advertirse unha situación de seca prolongada en ningunha das bacías da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, a Oficina Técnica da Seca decidiu adoptar esta medida precautoria na bacía do Lérez, dado o descenso do caudal circulante neste río desde mediados de xullo, ao que se engade o aumento da poboación estacional nos concellos que se abastecen del.

Mentres, o resto de unidades territoriais atópanse en situación de normalidade. De feito, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é de preto do 86%, máis de tres puntos por enriba da media rexistrada nos últimos anos.

No encontro avaliouse tamén a situación meteorolóxica das distintas concas de Galicia-Costa e constatouse que o prognóstico meteorolóxico, a curto prazo, apunta a algunha precipitación de carácter tormentoso na zona de Pontevedra durante a vindeira fin de semana. A medio prazo, agárdase un mes de setembro normal, sen moitas precipitacións.

Un seguimento máis intensivo ante a situación de prealerta

A situación de prealerta por escaseza implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten.

Nesta situación, Augas de Galicia intensificará o labor de control do estado dos sistemas de abastecemento e do propio río. Os concellos afectados pola prealerta son Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Sanxenxo.

Nestes municipios recoméndase á poboación realizar un uso o máis responsable posible da auga, evitando as actividades que máis consumo xeran, así como ter especialmente presentes as boas prácticas no fogar.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS