viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsComarcasLuar na Lubre actuará como parte da LXV Festa do Viño do...

Luar na Lubre actuará como parte da LXV Festa do Viño do Condado de Tea

Este concerto está no marco do programa +Música da Deputación de Pontevedra e terá lugar mañá, a partir das 22:30 horas , no recinto amurallado de Salvaterra de Miño

A Deputación de Pontevedra financia a través do programa +Música a actuación musical de Luar na Lubre que se celebrará este sábado 24 de agosto a partir das 22:30 horas no recinto amurallado de Salvaterra de Miño. Con esta iniciativa, a institución provincial pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes un catálogo de artistas galegos e en galego co obxectivo de fomentar a nosa cultura e a nosa lingua, así como impulsar a reputación da provincia de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel.

Luar na Lubre está a piques de facer catro décadas en activo coa vocación de interpretar, desenvolver e divulgar a música e a cultura galegas. O seu repertorio está baseado fundamentalmente nas músicas de raíz, dende o respecto pero con perspectiva de modernidade. En Salvaterra presentarán as cancións do traballo ‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’, un libro-disco recompilatorio que recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu repertorio, cunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, ademais dos testemuños de 50 artistas relevantes que colaboraron con esta formación.

O concerto de Luar na Lubre forma parte da programación da LXV Festa do Viño do Condado de Tea, e é unha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia no marco deste programa provincial: 5 en maio, 2 en xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. +Música ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS