O venres 23 repartiranse 150 camisetas para nenos e nenas a partir das 11h e o luns 26 será a recepción de La Vuelta ás 19:30h na praia da Freixa con música en directo
O Concello de Ponteareas ultima detalles para recibir a La Vuelta o vindeiro martes 27 de agosto. A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, reuníronse cos departamentos implicados na organización da recepción e saída da etapa 10 que percorrerá 160 km para unir Ponteareas co concello de Baiona pasando antes por concellos do Condado, da Paradanta e da Louriña.
Este venres día 23 ás 11:00 horas na entrada da Casa do Concello entregaranse camisetas de La Vuelta ás 150 primeiras nenas e nenos que se acheguen a recollela. Alcaldesa e concelleiro de Deportes convidan a participar en La Vuelta e arroupar a saída e o seu paso polo noso territorio vestidos cunha camiseta vermella e animando aos corredores.
A tarde previa á etapa, o luns 26, haberá unha benvida e recepción con música en directo na praia da Freixa a partir das 19:30 horas. Ponteareas é a única cidade do mundo con tres gañadores dunha proba raíña, os irmáns Delio e Emilio Rodríguez Barros (1945 / 1950) e Álvaro Pino (1986).
O Concello iluminará de vermello o edificio do Concello e o monumento aos ciclistas e colocará elementos de promoción do traxecto de La Vuelta para homenaxear e revivir os momentos de gloria acadados polos tres gañadores ponteareáns de La Vuelta.