O proxecto inclúe iluminación e protección deste ben patrimonial mosense datado no século II d.C. e que constitúe un dos elementos históricos máis salientables e relevantes do patrimonio local
O segundo tenente de alcaldesa e concelleiro mosense de Patrimonio, Leo Costas, e a edil de Participación Cidadá e tamén concelleira da parroquia de Guizán, Julia Loureiro, visitaron esta mañá o Miliario de Antas no Santiaguiño, sito na devandita parroquia, para ultimar e axustar in situ os derradeiros detalles do proxecto de posta en valor do Miliario de Santiaguiño de Antas.
O proxecto de posta en valor que está a ser elaborado polo Concello de Mos inclúe entre outras, actuacións de iluminación e protección do elemento histórico patrimonial mosense, rexistrado no Inventario de Bens Municipais datado en 1992, e no Catálogo de Bens e Elementos a Protexer ou Catálogo do Patrimonio Cultural de Mos incluído no Plan Xeral de Ordenación Municipal, PXOM, mosense aprobado o 18 de xaneiro de 2017
Ademais o IGN (“Instituto Geográfico Nacional”) establece no seu Límite Administrativo Oficial, e nesa mesma data, a situación do miliario dentro do termo municipal de Mos, na parroquia de Guizán, co código referencial de xacemento: GA36033001.
Un miliario é un indicador de distancias empregado polos romanos, sendo o seu nome orixinal: Milia Passum. O miliario romano de Mos é un dos elementos históricos máis salientables e relevantes do patrimonio local pois data do Século II e formaba parte da Vía XIX, que unía as localidades de Braga e Astorga, pasando por Lugo. Foi levantado durante o mandato do emperador Traxano, a inicios do século II d.C.
Este miliario atópase ademáis en pleno lugar de paso da Ruta Xacobea a Santiago de Compostela, concretamente do Camiño Portugués.