As obras forman parte dos proxectos que se desenvolven dentro do Obradoiro de Emprego
O Concello de Salceda de Caselas vén de botar a andar as obras de recuperación da segunda planta do Centro de Enfermidades Neurodexenerativas da Vendanova, no cal desenvolve a súa actividade AFAGA. O alumnado-traballador do obradoiro de emprego que se desenvolve no municipio será o encargado de levar a cabo esta posta en marcha das novas instalacións.
Nesta segunda fase de recuperación da antiga casa-escola de Vendanova, edificio do ano 1938, realizaranse traballos de albanelería interior, colocación de illamentos e impermeabilizacións, revestimentos e acabados, carpintería interior de madeira e a dotación de instalacións de alta eficiencia enerxética. Esta primeira planta contará cunha sala de espera, dous despachos e unha aula polivalente, que se suman deste xeito á aula existente na planta baixa. A reforma vai permitir realizar traballos centrados nas familias, contando con un novo espazo para a atención psicolóxica, a formación e o acompañamento, ademais de funcionar como punto de encontro.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, amosouse especialmente orgullosa do comezo desta obra, que vén a completar o centro que botou a andar na anterior lexislatura. “É fundamental a atención das nosas persoas maiores e centros coma estes ofrecen grandes oportunidades que non imos deixar escapar. En Salceda temos a sorte ademais de contar co traballo de AFAGA, unha entidade solvente e con grande experiencia no coidado das nosas persoas maiores”.
A Asociación de Familiares de enfermos/as de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) é a entidade que fai uso das instalacións dende a súa posta en marcha no ano 2021, para o que conta con unha cesión por parte do Concello.
AFAGA adica fundamentalmente o seu traballo á atención das persoas enfermas, pero conta tamén con talleres dirixidos a maiores para fomentar a prevención deste tipo de enfermidades e para traballar a actividade mental, sen dúbida de grande importancia.
O obradoiro de emprego de Salceda conta cun total de 20 persoas como alumnado (10 en albanelería e 10 en carpintería), que realizarán a obra coordinados polo equipo de mestres e dirección do obradoiro, así como por técnicos municipais e empresas externas que completarán o traballo para a súa posta en funcionamento.
Selene González, Concelleira de Formación e Emprego asegura que “Este proxecto ademais de dotarnos de novas instalacións para o benestar da nosa veciñanza, deixa a pegada do alumnado do obradoiro de emprego, adquirindo experiencia práctica para o seu futuro laboral”.