A matrícula do curso 2024-2025 poderá formalizarse entre os días 27 a 29 de agosto, para empezar as clases o 11 de setembro
A listaxe das persoas admitidas na Escola Municipal de Música do Porriño para o curso 2024-2025 estará exposta desde mañá no Centro Cultural Municipal e na sede da Escola de Música, o edificio do Centro Cívico da rúa Domingo Bueno.
Unha das grandes novidades deste curso é que garantízase a praza a todas as persoas preinscritas e en todas as especialidades escollidas. As clases comezarán o 11 de setembro e é imprescindible ter formalizada a matrícula e o pago para poder asistir.
A vindeira semana, o martes 27 e o mércores 28 poderán formalizarse as matriculacións dos estudantes preinscritos. E o xoves 29, poderán matricularse todas aquelas persoas interesadas, pero que non chegaran a preinscribirse. Este ano, a Escola Municipal de Música do Porriño garante as prazas nas disciplinas escollidas para todas as persoas preinscritas, incluso naquelas máis demandadas, como piano ou guitarra, nas que outros anos as prazas eras limitadas. De feito, un tercio das preinscricións solicitaron piano (33,6%), seguido de guitarra (18,2%), violín (13,6%), canto (11,8%) e clarinete (11,8%). Outros dos instrumentos que se ensinan na Escola de Música son gaita, saxofón, percusión tradicional, percusión sinfónica, frauta traveseira, trompeta, violonchelo, trombón, trompa, tuba, bombardino, viola, oboe e fagot.
O crecente interese pola gaita fai aumentar en medio día o horario dispoñible de clases, mentres que piano incrementa un día, de xeito que neste curso haberá 4 días para escoller as clases individuais desta disciplina.
Como formalizar a matrícula na Escola Municipal de Música
Como ven sendo habitual á hora de escoller o horario das clases individuais, seguindo a orde da preinscrición, terán prioridade os alumnos/as matriculados en primeiro instrumento, logo os de segundo e, por último, os de terceiro instrumento. Nas listaxes que se expoñen, se dará día e hora para asistir a reunións de matriculación das especialidades escollidas, e nesas reunións se concretarán os horarios das clases individuais e se informará de calquera novidade deste curso.
Recoméndase aos alumnos que leven preparadas varias opcións de horarios. Advírtese que cada estudante ten a súa hora de matrícula e, unha vez pase a súa quenda, perderá a prioridade na matriculación.
A Escola conta con distintas agrupacións musicais nas que as persoas interesadas en participar, se poderán anotar unha vez que empece o curso, como son a banda de música, a mini banda do Porriño (banda infantil), a orquestra de corda, o grupo de música tradicional, a coral infantil e coral polifónica de persoas adultas.
Na web do Concello do Porriño pódese consultar toda a información da Escola Municipal de Música e do curso 2024-2025.