A deputada Noa Presas denuncia o atraso por parte do PP No envío do informe sobre violencia machista, no que considera un claro acto de “desidia” por parte do Goberno en materia de igualdade e unha “falta de respecto ao Parlamento galego e sobre todo ás mulleres». Noa Presas manifestou “Desde o BNG queremos denunciar a desidia do goberno da Xunta en materia de violencia machista pois estando xa en agosto a xunta aínda non remitiu ao parlamento galego o informe anual sobre as actuacións contra a violencia machista do ano 2023”.
Presas recorda que “non é habitual que se atrase tanto” xa que “o normal é remitilo entre abril e xuño para que se poida analizar e debater na Cámara”. Cualifica a demora de “falta de respecto ao parlamento” e dunha “desidia que vai na mesma liña da supresión da Secretaria Xeral de Igualdade no inicio deste mandato para diluíla en dúas direccións xerais”, un xesto que daquela a deputada nacionalista describiu como unha mostra máis de “submisión ao PP de Madrid, que fai seguidismo da extrema dereita”.
Presas asegura que esta desidia do Executivo de Rueda a respecto da violencia machista vai ademais no mesmo camiño da recente privatización dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual, un proceso ao que se van destinar 7,5 millóns de euros para que empresas multiservizos engorden o seu negocio a conta dos dereitos das mulleres, como vén denunciando o BNG.