En toda a comunidade galega, posibilitouse a contratación dun total de 534 persoas en case 300 concellos
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe o concello de Cerdedo-Cotobade, beneficiario dunha axuda de máis de 48.000 euros e que permitiu a contratación dun total de tres persoas para levar a cabo tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais.
En compañía do alcalde, Jorge Cubela, destacou que en toda Galicia a Xunta investiu case 9 millóns de euros para posibilitar que 534 persoas desempregadas fosen contratadas en case 300 municipios. De feito, a súa labor acadou especial importancia durante a época estival.
Segundo explicou o secretario xeral, o programa Aprol Rural está dirixido a que concellos rurais, ben de maneira individual ou conxunta, promovan a contratación de traballadores para a realización de tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais.
En concreto, contémplase a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes ou a xestión da biomasa.
En concreto, as achegas dan cobertura aos custos salariais totais das persoas incorporadas, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude.