Desde este domingo, 18 de agosto, ata o próximo sábado, día 24, o Concello de Ponteareas volverá ser o epicentro da música clásica coa celebración do XII Festival Groba, unha cita que recolle o espírito do mestre Groba de achegar a música culta a toda a cidadanía. O concerto inaugural, ao que asistirá o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, terá lugar o domingo ás 21:00 horas, no mesmo horario que o resto dos días. Fiel á súa filosofía artística, este evento dá prioridade á música de cámara nos seus diversos formatos, pon en valor a creación compositiva do Mestre Groba e ofrece os concertos totalmente gratuítos para facilitar o acceso á alta cultura a toda a cidadanía.
O programa conta cun variado elenco de artistas nacionais e internacionais e a Orquestra de Cámara Galega como orquestra en residencia. Ademais, o público terá a sorte de escoitar por primeira vez á Orquestra Sinfónica de Galicia, que realizará o concerto de clausura baixo a dirección do Mestre Pérez-Sierra. Levarán a cabo un programa con obras do Mestre Groba e as famosas Variacións Rococó de Tchaikovsky, que serán interpretadas xunto ao virtuoso chelista Santiago Cañón-Valencia. Este concerto, que clausurará o Festival Groba, será unha homenaxe a un dos fundadores da orquesta e o compositor asociado nos seus primeiros anos de vida.
A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Juan C. González, queren expresar o seu agradecemento á Fundación Rogelio Groba e á Orquestra de Cámara Galega polo intenso traballo que realizan ao longo de todo o ano para que a próxima semana Ponteareas posiciónese no máis alto da cultura da man de prestixiosos músicos de todo o mundo.