Pasadas as 22h deste 13 de agosto, A Cañiza conseguiu fornear a barra de pan rústica que superaba os 19,5m. de lonxitude do ano pasado e lonchear un xamón nun só lisco de 23,30m.
O Alcalde Luis Piña, Víctor Burgos, Panadería Pirucho, Javier Souto e os empregados do Concello foron os encargados de repartir entre todos os asistentes máis de 650 bocadillos de xamón.
«Tamén forneamos una rosca doce de postre e os nenos poideron gozar co obradoiro de masa de pan que comezou sobre as 19h e que este ano superou a participación, deixando pequeno o espazo habilitado» informaba o alcalde, Luis Piña.
Esta actividade, organizada polo Concello da Cañiza, é un dos principais atractivos dentro do marco das celebracións da 58 Feira do Xamón deste 15 de agosto.
Segundo comunicou o Alcalde “este ano conseguimos fornear a barra de pan máis grande das 9 edicións, nunha orixinal estrutura de 6 metros de longo polo que transita o pan. Os 20,38 m. de bocadillo tiveron un tránsito total de 3 horas permanecendo a peza dentro dos 6 metros do forno, unha media de entre 35´ e 40´ minutos e o resultado foi un saboroso bocata de pan rústico enriquecido co noso xamón”.
A partires das 6 da tarde os máis pequenos comezaron a desfrutar do obradoiro de pan na que nenas e nenos, ataviados cos seus mandís e gorras de cociñeiro, puideron fabricar pan, baixo a supervisión dos maiores, dando forma ás pezas máis orixinais.
O Alcalde agradeceu e felicitou aos profesionais, empresarios e traballadores do Concello polo traballo desenvolvido un ano máis.
Hoxe continua a programación da 58 Feira do Xamón coa celebración do curso de corte de xamón e cata de viños que comezará ás 19h na Rúa Oriente. A actividade é gratuíta pero ten aforo limitado a 100 prazas polo que é preciso inscribirse. Ás 18h abre a inscrición nas portas do Concello (rúa Oriente, nº 11). A actividade está reservada únicamente a maiores de 18 anos.