O executivo que preside Alejandro Lorenzo levará a pleno para a súa aprobación unhas
contas que ascenden a 21 M de euros, un incremento dun 9,68% respecto ao exercicio
2023
O goberno municipal do Porriño leva a pleno a vindeira semana o seu orzamento para o exercicio 2024, unhas contas que rozan os 21 M de euros, 2 M máis que o vixente, o que supón un incremento dun 9,68%.
A folla de ruta económica para o presente ano é ambiciosa no que respecta aos gastos e prudente no tocante aos ingresos, imaxe dunha administración solvente e responsable na xestión que, por encima de todo, vela cada día polos intereses das veciñas e veciños do Porriño.
“Continuamos coa senda marcada de reducción de impostos mantendo os niveis dos servizos públicos, o control do gasto e o equilibrio fiscal”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo. É importante salientar o gran esforzo que se está a facer desde a administración local para poder manter e aumentar todos os servizos prestados, sen que iso repercuta nun incremento da presión fiscal. E é que O Porriño é o municipio de toda a área que menos cobra polos servizos prestados.
“Son plenamente consciente, tanto eu como o meu equipo, de que traballamos para a cidadanía e o orzamento municipal debe ser un fiel reflexo deste plantexamento. Por iso, presento para a aprobación un documento realista, previsor e rigoroso baseado na eficiencia da xestión dos recursos públicos, e pensado para buscar, unha vez máis, o desenvolvemento, promoción e mellora que O Porriño necesita”.
Cabe destacar que se trata dun documento que se desenvolve nun escenario de prórroga orzamentaria por parte do Goberno de España e no marco dunha subida dos custes básicos para administracións locais, ao que hai que engadir o impacto da inflación e as súas consecuencias no aumento dos prezos dos servizos. Isto implicou un retraso na tramitación dos novos orzamentos xa que ata mediados de ano non se coñecía o importe dos ingresos a recibir por parte da administración estatal.
Reforzo dos servizos municipais e do benestar social
Tres son os pilares básicos das contas para este ano presentadas polo executivo que preside Alejandro Lorenzo: reforzar os servizos municipais, o benestar social e o mantemento do centro urbano e parroquias. A estas areas destínase o 38,29% dos recursos.
Así, máis de 3,1 M de euros resérvanse para a prestación dos servizos básicos como a iluminación pública, limpieza, cemiterios ou saneamento. Preto de 2,7 para urbanismo e vivenda e máis de 2,2 para servizos sociais e promoción social.
“Á hora de deseñar as contas que rexen a xestión municipal é esencial garantir a prestación da totalidade dos servizos básicos e así, logo de moitos anos cunha situación de ausencia de contratos hoxe temos regulada a recollida de lixo, a limpeza viaria, o mentemento de xardíns e desbroces, a xestión da piscina municipal ou o SAF “, continuou o alcalde.
Respaldo ao tecido asociativo, cultural e deportivo
O orzamento non deixa de lado a aposta do executivo local polo deporte e a cultura, consignando arredor de 2 M de euros a cada unha destas áreas. Un respaldo que se mostra tamén coas subvencións nominativas aos clubs deportivos, asociacións culturais e veciñais e entidades de carácter social.
Cabe destacar que a colaboración establecida con estas entidades permítennos ampliar os servizos que se prestan no municipio, como os obradoiros de memoria de Afaga Alzhéimer.
Tamén a colaboración que se establece coas comisións de festas das diferentes parroquias, e que nutren a programación cultural e exercen de dinamizador social no rural. As achegas para as 47 entidades que desenvolven a súa actividade no municipio ascenden a dpreto de 800.000 euros.