Fademga Plena Inclusión Galicia recibiu hoxe, na súa sede no Polígono do Tambre de Santiago de Compostela, a visita do Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández López. A visita tivo como motivo principal unha nova convocatoria dos Programas de Cooperación ofrecidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia para este 2024, cuxas bases foron publicadas no día de onte no Diario Oficial de Galicia.
Esta federación é dende hai anos unha das entidades beneficiarias dos Programas de Cooperación da Xunta a través dos cales se lles ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir a experiencia laboral que lles poida facilitar a súa futura inserción no mercado de traballo. Para elo, Emprego Galicia convoca cada ano subvencións destinadas a financiar a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de interés xeral e social en colaboración con entidades sen ánimo de lucro con centros de traballo na nosa comunidade.
FADEMGA Plena Inclusión Galicia leva solicitando estas axudas dende o ano 2007, e nestes 17 anos recibiu xa un total de 154 contratos subvencionado. Como Federación que agrupa a 41 asociacións de toda Galicia que traballan pola inclusión das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, unha trintena das súas entidades federadas tamén recibiron estas axudas cun total de 1.655 contratos contabilizados ao longo destes últimos 17 anos de convocatorias, sumando así cos 154 da propia Federación un total de 1.809 traballadores contratados ata o día de hoxe ao abeiro dos Programas de Cooperación.