A Xunta de Galicia participa como un dos socios principais nun proxecto transnacional para impulsar a restauración de áreas Rede Natura 2000 cun alto valor de conservación no norte da Península Ibérica baixo a actual perspectiva de cambio global. En concreto, a iniciativa permitirá executar actuacións de rexeneración ambiental por importe de 2,7 millóns de euros en oito espazos galegos: sete zonas especial de conservación (ZEC) e unha zona especial de protección de aves (ZEPA).
Acompañada do alcalde de Arteixo, José Carlos Calvelo, e o director do Ibader, Pablo Ramil, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a praia de Barrañán, pertencente á ZEC Costa da Morte e unha das zonas nas que está previsto actuar no marco do proxecto Life Global, no que tamén participan o Norte de Portugal e outras tres comunidades. O obxectivo é desenvolver ata setembro do ano 2029 unha estratexia transnacional que tendo en conta a perspectiva actual de cambio climático, permita combater as principais ameazas de degradación que afrontan tres especies e dez hábitats prioritarios en espazos de alto valor natural no norte da Península Ibérica.
No caso de Barrañán e do resto da ZEC Costa da Morte, os traballos arrancarán na primavera do ano 2026 e consistirán basicamente no control de especies exóticas na trasduna e de matorrais costeiros, con especial atención á Cortaderia (herba da pampa), Pittosporum ou Hlichrysum. No ámbito da ZEC, ademais, tamén se traballará na mellora do estado dos hábitats e do seu uso público.