Os peregrinos xa poden contemplar o grafiti de Rakel Carvallo en Amieirolongo que promove un Camiño de Santiago ao seu paso por Mos inclusivo e tolerante
A concellería de Igualdade e o CIM de Mos están a promover diversas iniciativas que tinguen de multicolor o municipio co obxectivo de avanzar nun Concello máis igualitario e tolerante. Para elo realizouse o grafiti “Diversidade no Camiño”, cuxa execución contou con apoio autonómico para a súa financiación, e que foi realizado pola artista Rakel Carvallo, de Vella Escola Cultura Urbana Galicia.
O recén pintado mural sito en Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda, foi visitado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, xunto co concelleiro de Igualdade, Leo Costas, acompañados das directora e Xurídica do CIM, Alba Bugarín e Ana Rodríguez Cabaleiro, respectivamente.
Ademais do devandito grafiti, a artista autora, Rakel Carvallo, impartiu un pequeno Obradoiro infantil sobre o mesmo, no que os participantes puideron colaborar no seu desenvolvemento.
Estas accións pictóricas de reivindicación igualitaria na localidade mosense comezaron o pasado mes de xuño con motivo da conmemoración do Día do Orgullo. Entre elas realizáronse pegadas sinais multicolor polo Camiño de Santiago, para amosar un Camiño de Santiago ao seu paso por Mos inclusivo e tolerante.
O obxectivo de visibilizar ao colectivo e encher Mos coas cores da bandeira tamén se fixo coas bandeiras que realizaron no Centro de Día de Torroso e nas Escolas Infantís, de xeito que se implicou aos colectivos de idades máis curtas e maiores para demostrar que o Orgullo non ten idade.
Tal e como explicaron os representantes municipais Arévalo e Costas “o obxectivo de iniciativas como estas é visibilizar o firme compromiso do Concello de Mos na defensa dos dereitos das LGTBI+ e contra a discriminación por orientación sexual, identidade sexual, expresión de xénero ou característica sexuais, continuando co fomento das actividades que se realizan coas familias e nos centros educativos, así como coa poboación xeral para avanzar na erradicación das discriminacións, ataques e actos de violencia que a día de hoxe seguen sufrindo as persoas LGTBI+”.
Así mesmo, o Concello de Mos vén convocando dende fai 5 anos un concurso de frases co motivo do día do Orgullo LGTBI+ organizado dende as Concellerías de Igualdade e Xuventude.
“Queremos seguir mobilizándonos a favor dos dereitos LGTBI+ e facer partícipe a nosa poboación”, concluíron os representantes municipais Nidia Arévalo e Leo Costas.