jueves, noviembre 21, 2024
InicioNewsActualidadeA historiadora Carmen Manso guiará o vindeiro martes 13 unha visita á...

A historiadora Carmen Manso guiará o vindeiro martes 13 unha visita á igrexa de San Domingos de Tui

Forma parte do ciclo “Coñece o noso patrimonio” do IET coa colaboración do Concello de Tui

O próximo martes, 13 de agosto, a prestixiosa historiadora da arte Carmen Manso Porto realizará unha visita guiada á igrexa tudense de San Domingos. Forma parte do ciclo “Coñece o noso patrimonio” que con gran éxito de público está realizando neste verán o Instituto de Estudios Tudenses coa colaboración do Concello de Tui.


Esta visita comezará ás 20.00 horas na propia igrexa dominica. Carmen Manso está especializada en arte medieval e moi especialmente na arte gótica da Orde de San Domingos en Galicia, á que ten dedicado a súa tese de doutoramento e numerosos traballos de investigación.


Para a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana Núñez Álvarez, esta visita guiada resulta todo un privilexio pois a historiadora Carmen Manso é unha das máximas especialistas na arte da orde dos dominicos en Galicia tanto do convento tudense de San Domingos como da propia cidade de Tui, temas sobre os que ten publicados diversos traballos de investigación. A concelleira tudense congratúlase polo éxito destas visitas guiadas que organiza o Instituto de Estudios Tudenses que teñen superado as previsións, testemuñando o interese de tudenses e visitantes polo coñecemento do legado patrimonial da nosa cidade.


Este ciclo finalizará o seguinte martes, 20 de agosto, cunha nova visita guiada titulada «Evolución urbana de Tui: do burgo altomedieval á cidade de Fernando II» a cargo de Suso Vila, doutor en Historia da Arte pola USC. Comezará ás 20 h na Oficina Municipal de Turismo (Paseo da Corredoira).

Carmen Manso Porto
Doutora en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid. Profesora asociada de Historia da arte na Universidade Autónoma de Madrid (1991- 1992). Académica correspondente da Real Academia da Historia (2001), da Real Academia Galega de Belas Artes da nosa Señora do Rosario (2004), da Academia Portuguesa dá Historia (2007) e Numeraria da Academia Auriense- Mindoniense de San Rosendo (2019). Membro Numerario do Instituto de Estudos Madrileños (2004 e do Instituto de Estudios Tudenses (2018). Membro da Cofradía Internacional de Investigadores (2008).


Na actualidade é a responsable da Sección de Cartografía e Artes Gráficas da Biblioteca da Real Academia da Historia (Desde 1986) e foi presidenta do Grupo de Traballo de Cartotecas Públicas Hispano-Lusas (IBERCARTO) (2012-2016). Autora de varios libros e numerosos artigos de investigación sobre cartografía antiga e arte e historia medieval e moderna, centrados especialmente en Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS