A ampliación de espazo e número de postos de adegas e de comida será un dos principais atractivos deste ano
Esta mañá a Alcaldesa do Concello de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, o Presidente Gran Mestre da Cofradía do Viño do Condado do Tea e Espumosos, Antonio Alén, e a Concelleira de Cultura, Lorena Soto; presentaron a LXV Festa do Viño do Condado Tea que se celebrará o 23, 24 e 25 de agosto.
A festa Declarada de Interese Turístico de Galicia cumpre anos con importantes novidades debido á gran afluencia de público das últimas edicións. Este ano o recinto amplíase a toda a Muralla contando con espazo de mesas tamén na Praza do Castelo. Alí ubicarase un segundo escenario que xunto ao xa habitual no recinto amurallado albergará os concertos das noites gastronómicas e dos grupos folclóricos. Este ano forman parte do cartel da festa Luar na Lubre, De Vacas, Roi Casal, Momboi, Club Naval, D’Crooners, Somoza Trío, Black Lovers e Lenha Verde.
A Festa do Viño do Condado do Tea, a segunda máis antiga de Galicia, manifesta tamén un incremento de adegas, con preto de 30, máis de 100 referencias de viños, un récord para o evento, e máis postos de comidas que darán servizo as mesas ubicadas no novo espazo. Todo para acoller comodamente ós visitantes e veciños e veciñas que cada ano acuden a festa, xa consolidada como unha das citas importantes e imprescindibles do verán.
Nesta edición o pregoeiro será o actor, cómico, presentador e reporteiro Sergio Pazos que dará lectura ó pregón o domingo ás 13:00h no recinto amurallado, será despois do acto que dará a coñecer aos viños deliciosos do ano e a actuación dos grupos folclóricos e bandas de gaitas de Salvaterra de Miño. Previamente terá lugar o XXX Gran Capítulo da Cofradía do Viño Condado do Tea e Espumosos onde se nomeará como novos cofrades a Vanesa González Martínez, Alba González Castro, Ricardo Briz de Labra, Miguel Ángel Alonso Fernández, Miguel Pérez Barros e o pregoeiro como Cofrade de Honra.
A inauguración da festa terá lugar o venres 23 ás 20:00h no recinto da muralla pero as actividades comezarán esa mesma semana coas catas comentadas nas que as diferentes adegas participantes ofrecerán degustacións dos seus viños de maneira gratuita, e que serán dende o 19 ata o 23 de agosto na Casa do Viño.
Este ano ademais volve o Túnel do Viño pero con cambio de datas. O venres 23 e sábado 24 en horario de mañá e tarde o público poderá degustar tódolos viños da subzona do Condado do Tea cun prezo de só 15 euros.
As inscricións tanto para as catas como o túnel deberán realizarse a través do teléfono 617 148 866 ou ben no correo museocienciavino@concellodesalvaterra.org.