Será mañá xoves 8 de agosto ás 20.30 h a cargo do arqueólogo Juan José Perles
Mañá xoves, 8 de agosto, terá lugar a cuarta visita do ciclo de visitas guiadas que organiza o Instituto de Estudios Tudenses, nesta ocasión centrada na “Transformacións da cidade de Tui a través dos seus recintos amurallados” e que estará a cargo de Juan José Perles Fontao, arqueólogo. A visita dará comezo ás 20.30 horas na Praza do Concello.
“Coñece o noso patrimonio” é o título deste programa de visitas guiadas que organiza o Instituto de Estudios Tudenses para a difusión do amplo acervo patrimonial que atesoura a nosa cidade e que estará a cargo de especialistas do propio Instituto, contando coa colaboración do Concello de Tui.
Juan José Perles Fontao é licenciado en Xeografía e Historia, especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. É autor de diversos libros e publicación sobre arqueoloxía en Tui e a súa contorna. Director de diversas campañas de escavacións no Monte Aloia, no castro do Alto dos Cubos e en numerosas intervencións arqueolóxicas na cidade de Tui que lle proporcionan un coñecemento excepcional sobre o patrimonio tudense. Ten participado na redacción, por exemplo, do Plan Director da Catedral de Tui e do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico.
Nesta visita farase un percorrido por diversos elementos conservados nos recintos amurallados de época medieval e moderna, analizando a incidencia que os mesmos tiveron na trama urbana da cidade e as transformacións que provocaron na mesma ao longo do tempo.
A concelleira de Turismo tudense, Ana María Núñez Álvarez, congratúlase pola excepcional acollida a este ciclo de visitas guiadas que ten as prazas esgotadas dende hai tempo e que testemuña o interese de veciños e visitantes por achegarse ao patrimonio tudense, descubrindo novos aspectos do mesmo, que redundará nunha maior valoración e respecto polo segundo conxunto monumental de Galicia.