viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsActualidadeNoelia Mouriño, gañadora do bronce no mundial SUB-17 de baloncesto, recarga pilas...

Noelia Mouriño, gañadora do bronce no mundial SUB-17 de baloncesto, recarga pilas no Porriño

A xogadora foi recibida na Casa Consistorial polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez

A veciña de Torneiros, Noelia Mouriño, gañadora do bronce coa selección española de baloncesto no Mundial Sub-17 disputado en México o pasado mes de xullo, visitou a Casa Consistorial do Porriño, a vila na que empezou a súa carreira deportiva e que a acolleu como veciña. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, reciben a Noelia e a súa familia para homenaxear á deportista.


Un mundial con sorpresa que bateu as previsións
O Campionato Mundial de Baloncesto Feminino Sub-17 celebrouse en León e Irapauto, México, entre o 13 e o 21 de xullo. Foron 11 días de competición, nos que a selección española non estaba entre as favoritas, e as quinielas as colocaban como quintas. As redes sociais cos seus comentarios pouco alentadores, tampouco frearon ao equipo español, que lonxe de virse abaixo, atopou un motivo máis para loitar ata o final e amosar o mundo enteiro o tesón e o bo traballo de equipo da nosa selección. A medalla de bronce xa está na casa, e Noelia, aos seus 17 anos, xa sabe o que é compartir podio nun mundial con Estados Unidos (ouro) e Canadá (prata).


“Do mundial quédome co vivido coas miñas compañeiras de equipo. En cada partido, apoiábamonos entre todas, aínda que nos estivera indo algo mal. Eso foi o que me fixo crecer, sobre todo como persoa”, declara Noelia. “Gracias á miña familia, que viu a México para apoiarme e vivir conmigo esta experiencia. O seu apoio significou moito para mín neses días tan complicados”, engade a deportista.

Noelia, 100% xenuina
Noelia, cos seus 17 anos, é un exemplo de tenacidade, constancia, traballo duro, e traballo en equipo. Unha moza que sabe o que quere e como conseguilo. Noelia acaba de terminar 1º de bacharelato e xa pensa no seu futuro, tanto deportivo, como formativo. Á xogadora gustaríalle estudiar Arquitectura ou Enxeñería de Deseño, ao tempo que segue a súa carreira deportiva posiblemente nos Estados Unidos, de onde xa recibe chamadas de universidades que estarían encantadas de becala e contar con ela nos seus equipos.


Unha carreira deportiva con triunfos, como o recente bronce no mundial Sub-17, e cun futuro moi prometedor para esta ala-pivot que comezou a botar o balón e encestar no Porriño Baloncesto Base cando tiña 6 anos. Aí estivo xogando, disfrutando e aprendendo ata os 14 anos, cando o clube Siglo XXI fichou a Noelia para convertila nunha xogadora profesional. A súa vida cambiou na Residencia de Blume, en Esplugues de Llobregat (Barcelona), onde vive desde entón, coa disciplina dunha baloncestista de alto rendimento, cunhas 3 horas e media de entrenamento diario, estudando bacharelato, e convivindo con mozos e mozas como ela, talentos do noso país en distintas disciplinas deportivas.


Estes días de descanso, volve á terriña, para estar cos seus país, Ana e Suso, e co seu irmán, Lucas. O que máis lle gusta do Porriño é “estar coa familia e amigos, e a comida caseira da miña nai!”, confesa Noelia.


Para os nenos e nenas que están empezando nun deporte, Noelia recomenda “que traballen duro ao tempo que disfrutan adestrando, que se divirtan. Logo, cando o deporte se converte no teu traballo, o día a día é máis duro, aínda que sigas desfrutando, pero xa doutra maneira”.


“Espero que a Noelia de 25 anos siga sendo ela misma: ambiciosa, pero que sabe gozar do momento e, sobre todo, sabe valorar cada cousa que a xente fai por ela”, remata a xogadora.

Alejandro Lorenzo, fíxolle entrega dun obxequio conmemorativo do Concello do Porriño e salientou “a personalidade de Noelia, que enseguida te atrapa co sonriso que ten. Estou seguro que, coa súa tenacidade e esforzo, chegará ata onde se propoña. E nós estaremos aquí, no Porriño, celebrando con ela os seus triunfos deportivos e persoais, e acolléndoa cos brazos abertos”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS