O Concello entregou este luns no Salón de Plenos, coincidindo coa celebración das festas patronais da Virxe da Anunciada, o Lazo de Honra a título póstumo a José Joaquín Costas Miniño, máis coñecido como Pepe Costas. O baionés era considerado por moitos como a voz incombustible de Baiona en todos os eventos públicos organizados polo Concello e concretamente na Festa da Anunciada.
Pepe Costas estaba presente en cantidade de eventos celebrados en Baiona, participando activamente como “speaker”. Atrevíase con todo, desde actividades deportivas de calquera índole, actos sociais ou festas populares. Era a “voz” habitual da Cabalgata de Reis, do Entroido, das Cucañas Marítimas, das Romarías Tradicionais, da Regata de Gamelas ou da Carreira Popular “Andar e Correr”. Ademais, era o presentador de multitude de concertos e actuacións musicais dentro da programación cultural do Concello de Baiona. Durante o verán, ofrecía tamén visitas guiadas, moitas delas teatralizadas, polos recunchos da vila a grupos de turistas.
Pepe Costas tiña un especial vínculo con Baiona, méritos singulares acreditados e a unha consideración destacada no tecido asociativo e sociocultural da vila. Por isto e sobre todo por ser a voz anfitrioa dos actos públicos culturais, sociais e deportivos organizados polo Concello, é polo que a Comisión de Honras e Distincións de Baiona propuxo a concesión da distinción honorífica de Lazo de Honra a título póstumo a José Joaquín Costas Miniño.