O Concello de Nigrán mantén o ‘Vive Nigrán’ e o traslada de Lourido ao miradoiro de Monteferro para cumprir máis que nunca coa premisa de ser un ‘Picnic-pop festival’ de verán. Con este obxectivo, este será gratuíto e terá lugar o 9 e 10 de agosto no propio miradoiro a partir das 19:30 horas con Isius, Querido e Rufus T.Firefly o primeiro día e Visions of Johanna, Arizona Baby e Hey Hematoma o segundo. O cambio de ubicación é debido a que a Deputación de Pontevedra excluíu por vez primeira ao festival da marca Rías Baixas Fest e, polo tanto, das devanditas axudas, asi que a organización tivo que mudar de formato e regresar a súa orixe máis familiar.
Isius, co seu estilo ecléctico, promete unha apertura chea de enerxía e creatividade. De feito, os compoñentes da formación viguesa sempre sinalaron a música dos catro de Liverpool como moi influente no seu traballo. Querido, a banda nova pop-rock con letras emotivas e influencias indie, conta coa voz de Andrés Ferreiro, fillo do cantante indie Iván Ferreiro, que deixou a todos sorprendidos no seu primeiro bolo acompañando a banda. Rufus T. Firefly, a pesar da mocidade de todos os seus compoñentes, é xa un clásico dentro do percorrido de festivais indies. Coñecidos polo seu son psicodélico e atmosferas envolventes, pecharán a noite cunha presentación inesquecible.
Visions of Johanna, o grupo vigués que fusiona o folk co rock, proporcionará un inicio de xornada suave, pero potente para o segundo día do festival. Arizona Baby, co seu característico estilo acústico e letras introspectivas, prometen unha actuación íntima e profunda. Por último, Hey Hematoma encargarase de pechar o evento coa súa enerxía punk rock, asegurando unha noite de alta intensidade e diversión. A banda formada por tres ex-Siniestro Total revive o legado do lendario grupo vigués con Miguel Costas á cabeza.