jueves, noviembre 21, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Concello de Tui e a asociación Un Máis apostan pola conciliación...

O Concello de Tui e a asociación Un Máis apostan pola conciliación familiar

Durante o mes de agosto estase levando a cabo en Tui un innovador programa de respiro familiar dirixido a nenos e nenas con trastorno do espectro autista (TEA).

A posta en marcha foi posible grazas á colaboración do Concello de Tui coa Asociación de pais, nais, familiares, e amigos de persoas con TEA, Un Máis. Este forma parte do programa Corresponsables xestionado pola Xunta de Galicia a través do financiamento recibido do Ministerio de Igualdade.

O obxectivo deste programa de respiro familiar é proporcionar un alivio temporal ás familias e persoas coidadoras de nenos e nenas con TEA, ofrecendo actividades adaptadas e supervisadas por profesionais especializados.

Estas actividades están deseñadas para promover o desenvolvemento e o benestar dos participantes, ao tempo que brindan un espazo seguro e acolledor.

Así os nenos e nenas con TEA que durante este mes participan nesta iniciativa, levarán a cabo xogos adaptados, obradoiros sensoriais e vivirán experiencias en plena natureza, entre outras propostas. Todo isto, realizado da man de profesionais especializados e con experiencia.

Cabaleiro: «estamos comprometidos co benestar de todas as familias do noso municipio»

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, expresou o seu entusiasmo por esta nova iniciativa de conciliación promovida dende o Concello indicando que «estamos comprometidos co benestar de todas as familias do noso municipio”.

Este súmase aos tres campamentos municipais que están en marcha para facilitar a conciliación durante a época estival. Cabaleiro sinalaba que “este programa de respiro familiar é un paso importante para apoiar ás familias que afrontan os desafíos diarios de coidar a nenos e nenas con TEA”. Quixo amais amosar o seu agradecemento á Un Máis, a Asociación de Persoas con TEA, “pola a súa colaboración e dedicación” dende a súa creación no 2010.

A concelleira de Igualdade do Concello de Tui, Ana Núñez, amosa a súa satisfacción por poder ampliar a oferta de actividades de conciliación deste verán na cidade, ademais destaca a gran acollida que esta actividade tivo entre as familias de nenos e nenas con TEA xa que poden contar con este programa de respiro familiar neste mes de agosto.

Pola súa parte, Montse Mon, presidenta de Un Máis, destacou a súa satisfacción pola realización deste programa indicando que “este tipo de iniciativas son esenciais para mellorar a calidade de vida dos nenos e nenas con TEA e as súas familias. Quixo deixar constancia do agradecemento ao Concello de Tui polo seu apoio e agardando que este programa teña un impacto positivo significativo.»

Con esta iniciativa, o Concello de Tui e a Asociación de Persoas con TEA reafirman o seu compromiso coa inclusión e o apoio ás familias do municipio.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS