Os cursos de capacitación dixital aplicada que se están a impartir no Porriño recibiron ata agora 90 persoas. Foron cinco as quendas desta actividade formativa na que o alumnado obtén información e alfabetización dixital, aprende sobre a creación de contidos e seguridade na rede. A formación está centrada en contidos básicos para iniciarse no uso de teléfonos intelixentes e no ordenador, manexo do correo electrónico, distintas aplicacións de Google, organización e recuperación de información, xestión das citas médicas, e todo o preciso para relacionarse coa Administración a través da Sede Electrónica, xestionar impostos e adquirir coñecementos básicos de Big Data e Intelixencia Artificial.
Ademais, aprenden como crear contidos dixitais nos distintos formatos e entendendo a parte legal das licenzas e do Copyright. Trátanse tamén aspectos de seguridade na rede, tanto en computadoras como nos teléfonos móbiles, ciberataques e como protexer a presenza nas redes, entre outros temas.
Os cursos retomaranse no mes de setembro e as persoas interesadas poden anotarse xa. Teñen unha duración de 30 horas e están abertos a todas as persoas interesadas de maneira gratuíta. Impartiranse como ata o de agora de forma presencial nas instalacións de Porremprego en dous horarios, de mañá e de tarde, para facilitar o acceso a todas as persoas interesadas.