O obradoiro de Agricultura Ecolóxica do Pazo de Pousadouro, en Redondela, fixo entrega ao banco de alimentos de centos de quilos de produtos vexetais ao longo deste ano.
Isto débese grazas ao convenio asinado entre o Concello de Redondela e Cáritas-Redondela, no cal estipúlase que os produtos da horta ecolóxica do Obradoiro de Emprego doaríanse semanalmente a esta entidade.
Na última semana de xullo xa recolleron unha produción de máis de 230 quilos de vexetais, que se van repartir a 50 familias beneficiarias do banco de alimentos de Cáritas-Redondela. Tomates de diferentes variedades, xudías ou pementos son algúns dos produtos ecolóxicos recollidos a traves desta iniciativa.
Ademais, neste 2024 tamén se distribuíron 223 quilos de kiwis para o banco de alimentos, máis de 300 leitugas e centos de mañizos doutros vexetais como allo, acelgas, rabaniños ou rúcula.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Emprego, Antonio Cabaleiro, visitaron na xornada do martes o Pazo de Pousadouro, onde destacaron «a labor social que se fai desde este obradoiro».
Neste espazo puideron ver como o alumnado recibe unha formación profesional ao tempo que a súa produción serve para axudar ao banco de alimentos “con vexetais ecolóxicos de excelente calidade” resaltaban os representantes do Concello.
En total son 10 os alumnos e alumnas que se forman en agricultura ecolóxica e xardinería forestal. Ademais de traballar a horta ecolóxica do Pazo Pousadouro realizan traballos nas fincas da Coutada e do camiño da Vía Vella, entre outros.
Por outra banda, no Pazo de Pousadouro tamén se está a desenvolver outro obradoiro de emprego na modalidade de “carpintería de ribeira”, na que participan tamén 10 alumnas e alumnos que están a rehabilitar o histórico bote “Manuel”.