A estrada da Ponte das Achas do Concello da Cañiza atópase en plenas obras de recuperación da súa contorna. Os traballos supervisáronse esta mañá pola deputada de Infraestruturas, Mobilidade e Contratación da Deputación de Pontevedra, Isabel Couselo, que comprobou o seu avance.
As obras contan cun orzamento preto dos 400.000 euros, financiados ao 70% pola Deputación e ao 30% polo Concello – sufragado en parte con fondos do Plan de Cooperación da Deputación do ano 2023 -.
A actuación sitúase nun treito de máis de 500 metros da EP-5002 e o obxectivo é mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil da zona entre os núcleos das Achas e A Ponte, así como poñer en valor este importante elemento patrimonial da Cañiza.
As obras asegurarán unha mellor funcionalidade da vía e un incremento da seguridade, tanto para o tráfico rodado como para o peonil. A estrada dotarase dunha senda peonil de formigón, de 2,5 metros de ancho e arredor duns 400 metros de lonxitude.
Nas partes do treito antigo nas que si hai edificacións, optouse por unha zona de convivencia en pavimento de formigón, mentres que sobre a antiga Ponte das Achas e tamén nos sobreanchos da estrada, por un pavimento de lastro de granito que irá delimitado nas zonas en contacto coas vivendas por unha fronteira de lousa de pedra.
O proxecto tamén inclúen a substitución das varandas metálicas de seguridade sobre a ponte, en cuxo lugar se instalará un peitoril de pedra de máis dun metro de altura. Ademais, a instalación de iluminación LED na senda e na zona de convivencia, a canalización soterrada das redes de iluminación e telefonía, a instalación de mobiliario urbano, a execución dun paso peonil sobreelevado cun redutor físico da velocidade e a renovación da sinalización.