lunes, septiembre 16, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoRedondela realizará os traballos de roza e limpeza dúas veces ao ano

Redondela realizará os traballos de roza e limpeza dúas veces ao ano

Dende o mes de xuño, o Concello de Redondela está levando a cabo diferentes traballos de roza e limpeza nos camiños municipais. Isto supón case 139 quilómetros que quedarán limpos.

Esta acción está realizándose en fases conforme ás diferentes parroquias que conforman Redondela. Actualmente, xa remataron este servizo nas zonas de Cesantes, Cabeiros, Santo Estevo de Negros, Trasmañó e Vilar e na última semana de xullo quedarán rematados os de Viso e Chapela.

Ao longo desta semana, as brigadas realizarán traballos de roza e limpeza na parroquia de Quintela e no mes de agosto os operarios desprazaranse ás parroquias de Ventosela, Reboreda, Saxamonde e Cedeira.

Tras esta primeira fase levarase a cabo a limpeza das cunetas con maquinaria especializada.  O obxectivo é que a brigada retire todo o lixo acumulado nas beiravías para permitir unha boa evacuación da auga co que evitarán atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia.

A alcaldesa redondelana, Digna Rivas, sinala que se trata duns traballos “moi necesarios”, xa que hai máis dunha década que non se realizaba unha limpeza a fondo das cunetas.

Por primeira vez haberá unha segunda limpeza

As tarefas de roza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela. Tras a primeira que comezou en xuño e rematará en agosto, terá lugar unha segunda entre os meses de setembro e novembro.

“O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica Digna Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos.

Ademais, dende o Concello explicaron que o contrato licitouse por dous anos á empresa Naturgalia por un importe de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS