París acollerá do 27 ao 29 de xullo o “IHF Beach Handball Showcase” no marco dos Xogos Olímpicos 2024 e, como non podía ser doutra forma, O Porriño estará presente. A porriñesa Paola González Casales foi designada pola Federación Internacional de Balonmán como delegada para representar a España, marcando un novo fito na súa traxectoria deportiva e tamén na da vila na que deu os seus primeiros pasos nesta disciplina.
Paola comezou a xogar no Balonmán Porriño aos 11 anos e, pese que a deixou as pistas anos despois cando marchou vivir fóra de España, seguiu sempre moi vinculada a este deporte. No ano 2016 a EHF (Federación Europea de Balonmán) ofreceulle a oportunidade de sumarse como delegada federativa, converténdose na primeira galega delegada federativa en balonmán praia.
Unha responsabilidade que asumiu con entusiasmo e que foi o primeiro paso dunha traxectoria que hoxe a leva ata os Xogos Olímpicos de París. “Durante todos estes anos combinei o balonmán co meu traballo, algo que en momentos non me resulta doado e que nalgunhas ocasións me levou a ter que renunciar a participar dalgúns eventos importantes, como o Global Tour que se vai celebrar en España”, explica Paola.
Pese a todo, a porriñesa logra conciliar o seu traballo como Policía Nacional, a súa vida familiar e a súa paixón polo balonmán. “O ano pasado estiven na final masculina absoluta do Campionato de Europa por Seleccións que se celebrou en Nazaré, Portugal, e acabo de chegar do campionato de Europa sub16 que se disputou en Varna, Bulgaria, e do clasificatorio do Europeo Absoluto, onde tamén fixen a final senior masculina” sinalaba.
Paola mostrouse moi agradecida coa Federación Internacional “por darme a oportunidade de participar neste Showcase” que pretende “que dunha vez por todas o Balonmán Praia pase a ser un deporte olímpico, xa que se xoga en moitísimos países e o nivel é cada vez máis e máis alto”.
A Louriña terá dous representantes nos Xogos Olímpicos de París. Por unha parte, o mosense, Juan Ferrón, que estará presente na modalidade de natación e agora, a porriñesa Paola González como delegada no Showcase de Balonmán Praia.