A Xunta, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), vén de identificar á comunidade de montes veciñais en man común de Couso, en Gondomar, como un dos exemplos de boas prácticas e xestión sostible existentes en Galicia.
Este presentarase ante os seus socios europeos durante o segundo seminario temático, que se celebrará no marco do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees) a comezos de 2025.
Así o avanzaron os representantes do IET hai uns días no marco dun encontro celebrado precisamente no Centro Cultural de Couso e ao que asistiron tamén o presidente da mancomunidade, Xosé Antón, ademais de veciños, investigadores e expertos do sector ambiental e forestal.
No acto expuxeron a evolución dos traballos e iniciativas xestionadas nesta zona ao longo dos últimos anos, información que se completou cunha visita de estudo a diferentes áreas dos montes de Couso para coñecelos de primeira man.
Tomando como exemplo esta experiencia, durante a reunión aludiuse á importancia de apostar pola multifuncionalidade do monte, tanto desde o punto de vista ambiental, aumentando a biodiversidade nestes espazos, como socioeconómico, xa que favorece o mantemento da poboación na zona e a creación de emprego a nivel local.
Así, a xestión levada a cabo nesta comunidade de montes constitúe un bo exemplo de éxito. Isto débese a que á explotación forestal tradicional e á progresiva substitución de especies alóctonas e invasoras, como eucaliptos e acacias por castiñeiros, nogueiras ou cerdeiras, engadiron alternativas novidosas e que están a demostrar ser unha opción rendible.
Ademais, tamén se expuxo a intención de avanzar na definición dun proxecto piloto de interese para verificar as melloras alcanzadas na xestión da paisaxe, mediante a inclusión do enfoque da infraestrutura verde para que, á súa vez, poida ser transferible e replicable en diferentes áreas xeográficas da Unión Europea.
A solicitude e concreción desta acción piloto definirase coas partes interesadas nos próximos meses, despois da revisión intermedia do proxecto.
Para liderar o GIFT, cuxa misión é establecer medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da infraestrutura verde e da paisaxe e cunha duración prevista de catro anos (2023-2026), a Comisión Europea seleccionou á Xunta, que delegou no IET a misión de coordinar esta iniciativa.
Impulsado no marco do Interreg Europe-Feder e cun orzamento de 1,9 millóns de euros —o 80% procedente de fondos europeos e o 20% restante achegado pola Xunta—, o proxecto pon especial énfase e atención nos bosques, árbores e paisaxes que albergan os territorios asociados, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga ou a fixación de carbono, entre outros.
No GIFT, participan 9 entidades máis de países e rexións da Unión Europea.