O Porriño presenta a súa Axenda Urbana e Rural logo dunha detallada diagnose levada a cabo nos últimos meses, que involucrou a responsables políticos, ao equipo técnico do Concello e a representantes das entidades sociais, económicas e ambientais do territorio. Trátase dun documento que se desenvolveu seguindo a metodoloxía da AU española e que pretende dar resposta aos retos e problemáticas identificados no municipio, co obxectivo de lograr un Porriño máis inclusivo, integrado, resiliente e sostible.
Tal e como explicaron os técnicos, a Axenda Urbana e Rural do Porriño articúlase ao redor de cinco eixos estratéxicos, que á súa vez integran 19 liñas de actuación, 47 medidas e 132 proxectos ou accións piloto, a implementar no curto, medio e longo prazo.
Entre as principais medidas e propostas inclúense a ampliación do espazo público no centro urbano do Porriño; a rexeneración urbana integral no núcleo urbano de Torneiros; ou a mellora ecolóxica e integración na trama urbana dos leitos fluviais do Porriño, así como a creación de núcleos de centralidade nos principais núcleos rurais; a consolidación da rede de saneamento e abastecemento do municipio, ou a posta en marcha do Foro Empresarial.