O Concello abriu a licitación para a rehabilitación enerxética do edificio da residencia de maiores Santa Ana e o prazo de presentación de ofertas remata mañá. Neste edificio público construído no ano 1979 viven a diario 32 persoas asistidas por un total de 21 profesionais dos coidados. A concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, adianta que na actualidade o edificio require unha importante intervención que comezará por realizar os traballos de accesibilidade e mellora da envolvente.
Deste xeito o Concello adxudicará a mellora da accesibilidade no acceso principal á residencia pola rúa Santa Ana, a ampliación do número de aseo accesibles no andar baixo xa que na actualidade so hai un; mellora da envolvente térmica en fachadas, cuberta e carpintería exterior para reparar as deficiencias existentes e mellorar a eficiencia enerxética do conxunto e a substitución da iluminación por unha máis eficiente coa finalidade de reducir os custos en electricidade.
Raquel Plana, concelleira de Benestar Social, sinala que esta actuación redundará nun espazo máis agradable e confortable para as persoas residentes, “a residencia pública Santa Ana fai posible que as persoas válidas vivan en comunidade e compartan espazos e actividades con outras persoas sen saír da súa vila. Deste xeito poden saír pasear, recoñecer os espazos da vila que transitaron ao longo da súa vida e seguir saudando ás persoas coñecidas. Aspectos todos fundamentais para o benestar das e dos nosos maiores.