martes, diciembre 3, 2024
InicioActualidadeCulturaSan Campio estrea un novo Peto de ánimas

San Campio estrea un novo Peto de ánimas

Un novo Peto de ánimas sorprende aos peregrinos aos pés da capela de San Campio, en Pontellas. Isto é posible grazas a Aurea Rivas, unha veciña de Mondariz moi vinculada á parroquia pola súa familia, que decidiu poñerlle a imaxe das almiñas ao peto que preside o recinto e cuxa única inquilina desde hai anos era unha esmagada lata de Coca Cola.

Arquitecta de profesión, Aurea mostrou sempre un especial interés en recuperar o tradicional, o noso patrimonio, o que a levou a formar parte da Asociación Galega de Petos das Ánimas.

Tal e como explicou na inauguración do peto en San Campio, a historia do pequeño baixo relevo de almiñas que hoxe alberga é cando menos cuirosa. “Non o inventei, é unha réplica exacta dun antigo de madeira que non sei se o atepei  eu ou me atopou el a min, caído á beira dun camiño”.

Mentres tentaba restaurala “con moito respecto”,  foi xurdindo nela a idea de reproducilo e “así poder dar sentido ás pedras espidas que van quedando ao longo da nosa xeografía, que os máis vellos chaman almiñas, pero que ao non ter imaxe que o represente acaban desaparecendo”.  Como é o caso do de San Campio.

Aurea non o dubidou, contactou co Concello do Porriño para poñer en marcha esta iniciativa que culminou coa instalación e inauguración do novo peto de ánimas, á que acudiu o goberno municipal, a comisión de festas de San Campio e veciños e veciñas da parroquia.

“Teño a certeza de que estamos todos de acordo en que debemos manter viva a iconografía tradicional da nosa terra, esa que nos identifica e nos diferencia do resto do mundo”, concluíu Aurea e engadiu que “con pequenos xestos como este, contribuímos a salvagardar a nosa cultura, a honrala e a trasmitila na medida das nosas posibilidades, tanto aos camiñantes como ás vindeiras xeracións. Por iso quero agradecer enormemente a cálida e ilusionante acollida que recibiu esta idea por parte do Concello do Porriño”.

A concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, agradeceu “ enormemente a Aura Rivas que se puxera en contacto con nós  para proponernos, de maneira moi xenerosa, esta idea .Non pasa todos os días que alguén por vocación, por devoción e por respecto ás nosas tradicións e cultura, queira facer algo de maneira totalmente altruista para mellorar o noso pobo”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, sumouse a este agradecemento destacando a “importancia de valorar iniciativas como a de Aurea Rivas, que coa súa paixón pola cultura galega déixanos esta obra que forma xa parte da nosa historia e do noso patrimonio”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS