O director de Turismo de Galicia visita a Igrexa da Ponte de San Lázaro, un dos templos nos que se impulsan estas medidas
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a igrexa da Ponte de San Lázaro, unha das preto de 20 que teñen instaladas reixas e iluminación para facilitar a visión do seu interior ou están dotadas de persoal de atención ao público para facilitar a visita e o seu coñecemento por parte dos peregrinos e galegos ao abeiro dunha colaboración entre a Xunta de Galicia e a Diócese de Lugo.
Como explicou Xosé Merelles, Turismo de Galicia impulsa a colaboración nun total de 17 igrexas de catro Camiños da diócese lucense “coa intención de seguir mellorando a atención aos peregrinos e facilitar que se poida compartir o rico patrimonio xacobeo de distintos puntos do Camiño de Santiago”. Salientou, neste sentido, que se trata dun compromiso “que o Goberno autonómico leva mantendo nos últimos anos e que nos permite tamén seguir traballando de cara ao Xacobeo 27”, explicou.
O director de Turismo fixo referencia á positiva evolución do Camiño de Santiago, que “está a medrar a un ritmo do 15% pero non só en verán, senón tamén en todos os meses do ano, algo que nos está a permitir repartir a riqueza que xera tamén en distintos puntos do rural”. Referiuse tamén á importancia do Plan Director dos Camiños de Santiago co que o Goberno autonómico está a preparar a ruta xacobea de cara ao vindeiro Ano Santo da man da sustentabilidade.
Preparación para o Xacobeo 27
Neste sentido, recordou tamén a recente autorización por parte do Consello da Xunta de 12M€ para licitar o novo contrato de xestión dos albergues da Rede Pública do Xacobeo para un total de 79 albergues e tres centros de interpretación.
Ao abeiro da colaboración coa diócese, no Camiño Primitivo actúase na Igrexa de San Tomé de Souto de Torres (Castroverde), nas de Santa María de Bascuas e Santa Eulalia de Bóveda e a que se visitou hoxe, de San Lázaro da Ponte, todas en Lugo; na de San Salvador de Merlán en Palas de Rei e na de Santa María de Fonsagrada, en A Fonsagrada.
No Camiño de Inverno, tamén se poderá visitar ao abeiro desta colaboración a Igrexa de San Pedro de Cereixa, en A Pobra do Brollón, a de San Salvador de Moreda, en Monforte de Lemos, a de San Miguel de Montefurado en Quiroga e a de San Clodio en Ribas de Sil.
Para o Camiño Francés, inclúense a Igrexa de Santa María de Castromaior e a de San Nicolás (Portomarín), a de Santiago de Ligonde (Monterroso), a de Santa Mariña de Sarria e a de Santa María a Real do Cebreiro. E no Camiño do Norte, inclúense dúas en Friol: a de San Paio de Seixón e a de Santiago de Miraz.
Apoio a La Vuelta
Tamén en Lugo, o director de Turismo de Galicia participou hoxe na presentación da acción promocional E para comer Lugo, que se instalará na saída da 13ª etapa de La Vuelta 2024 o vindeiro 30 de agosto desde a capital lucense co apoio da Xunta de Galicia e tamén no resto de etapas en Galicia de La Vuelta.
Puxo de manifesto a capacidade da gastronomía galega para difundir a marca turística de Galicia e tamén a importancia de que o Goberno autonómico apoio eventos como la Vuelta pola proxección nacional e internacional que ofrece do destino galego cun evento deportivo que se retransmite en 150 países.
A acción promocional presentada hoxe consta dun total de 26 marcas que se amosarán nun stand que se instalará na saída coa colaboración da Asociación de Empresarios da Hostalería e Turismo da provincia de Lugo. O director de Turismo de Galicia agradeceu especialmente a implicación das marcas participantes sen as que “a oferta gastronómica desta terra e de Galicia, non sería da calidade e o nivel que ten”.
Turismo de Galicia e Asociación de Empresarios de Hostalería e Turismo da provincia de Lugo complementarán esta acción difundindo ademais exemplares da guía turística e gastronómica “E para comer, Lugo”.