Hoxe tivo lugar a apertura do novo Mercado Municipal de Tui, tamén chamado «Mercado de San Antonio», cunha excelente acollida. Dende primeira hora, tras a apertura dos postos ás 08:00 horas, numerosas persoas se achegaron a facer as súas compras. Moitas outras quixeron tamén coñecer as novas instalacións tras a reforma integral do edificio realizada polo Concello de Tui.
A media mañá o alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Mª Núñez, achegáronse ao Mercado Municipal de San Antonio para felicitar as persoas que están ao fronte destes primeiros postos e para comprobar o funcionamento e posta e marcha da praza no seu primeiro día.
Hoxe abriron sete postos de peixe, unha carnicería e unha florería. Pendente está nos próximos días a apertura doutra carnicería que cuxo posto foi xa tamén adxudicado nesta primeira fase.
Nunha segunda fase abrira un posto de produtos gourmet, unha panadería, un posto especializado en café e chocolate, e o espazo gastronómico.
En total, dos vinte postos fixos e catro temporais, trece están adxudicados nestes momentos, e os restantes sairán de novo a licitación. As súas características e requisitos están dispoñibles no Concello de Tui para aqueles que estén interesados.
A obra do Mercado de San Antonio forma parte dun proxecto integral de modernización e dixitalización das instalacións municipais. A reforma integral do edificio, cun investimento de máis de 1.300.000 euros, ten como obxectivo principal a dinamización da economía local a través da creación dun centro de comercio na localidade, que sexa ao mesmo tempo un polo de atracción para novos emprendedores e un lugar de encontro para a veciñanza, así como un lugar no que acceder a produtos locais de primeira calidade.
Entre as actuacións previstas dentro deste proxecto está tamén a instalación de taquillas intelixentes que permitirán recoller a compra fóra do horario habitual de apertura dos postos, a colocación dunha pantalla dixital, así como a creación dunha páxina web específica do Mercado coa que promocionar e difundir toda a actividade da praza e dos distintos postos. Esta campaña de dixitalización tamén contempla a presenza nas principais redes sociais do Mercado de San Antonio.
A inauguración oficial do Mercado de San Antonio realizarase unha vez se complete a instalación e apertura da totalidade dos postos adxudicados nesta primeira fase.