domingo, septiembre 8, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas e AFAGA impulsan "Cultiva a Mente"

Ponteareas e AFAGA impulsan «Cultiva a Mente»

O Concello de Ponteareas e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) selan o seu compromiso coa mellora da calidade de vida da poboación e amplían nun día máis o programa de estimulación cognitiva física e funcional para persoas con deterioro cognitivo. Grazas a este programa as persoas con alzheimer son atendidas no centro social de Ponteareas por un psicólogo e un terapeuta. Ademais, unha traballadora social informa e ofrece soporte a persoas coidadoras e familiares no centro social da rúa Oriente.

O convenio con AFAGA permite tamén achegar os coidados ao rural e implantar o programa “Cultiva a mente” que unha vez á semana axuda en Guláns e Xinzo a previr o deterioro cognitivo e traballa para atenuar as consecuencias da soidade non desexada. Para facilitar a participación, os talleres de memoria desenvólvense actualmente nas parroquias de Xinzo e Guláns que xa comezaron a poñer en forma o cerebro das persoas usuarias nos meses de maio e xuño. Agora farán un descanso e retomarán as súas clases no mes de setembro.

A alcaldesa, Nava Castro, e a concelleira de Saúde, Raquel Plana, visitaron algunhas das sesións impartidas e adiantan que darán estabilidade a estas iniciativas que melloran non ó a saúde tamén a rede social das persoas. “Existe a idea instaurada e apoiada cientificamente de que coidarse tanto física como mentalmente proporciona benestar e calidade de vida que pode prolongarse durante anos, así como que as persoas adultas maiores poden ser axentes activos na prevención de enfermidades dexenerativas”, sinala Raquel Plana.

O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, agradece ao Concello de Ponteareas o seu compromiso e a súa intención de dar estabilidade a estes cursos que van máis aló da saúde xa que “contribúen ao mantemento de actividades sociais e a independencia na vida cotiá e axudan a que os adultos maiores adopten hábitos de vida máis saudables e teñan acceso a servizos de prevención”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS