Co obxectivo de salvar as limitacións horarias ás que se suxeita a explotación da cafetería e ofrecer avantaxes que posibiliten a rendabilidade deste negocio, o goberno de Ponteareas non cobrará ao concesionario ningunha taxa ou canon e sufragará os custos de subministración de auga, saneamento, calefacción, enerxía eléctrica e, a alarma no caso de que se instale, así como o mantemento das instalacións. A concesión outórgase por un prazo de 5 anos a contar desde a súa formalización, prorrogable anualmente por acordo entre as partes ata un máximo de 2 anos.
As proposicións deberán ser entregadas en sobre pechado no rexistro xeral do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas rematando o prazo o xoves día 26 de xullo. A documentación tamén poderá presentarse nas oficinas de Correos na forma establecida no prego de condicións.
A cafetería do Centro Social de Ponteareas ten unha superficie útil de 106,05m2 e dispón dun espazo destinado a cociña, almacén, barra e cafetería. Está situada no andar baixo do Centro Social, na rúa Oriente do centro urbano, onde se prestan servizos adminitrativos.