Carpa de 500 m2 e pantalla xigante para ver o partido da final da Eurocopa e animar á selección española
As probas olímpicas da Porrigalia tiveron lugar durante a tarde do sábado e a mañá de hoxe. Máis de 8.000 persoas acudiron onte ao Porriño a vivir os xogos olímpicos e gozar de todas as actividades. As Olimpiadas Técnicas, celebradas onte e hoxe pola mañá en diferentes zonas da vila, amosaron a grandeza do deporte compartido entre amigos e familia, nun ambiente festivo, onde a diversión era o motor e o premio máis importante.
Nas probas olímpicas da Porrigalia participan todos e todas, grandes e pequenos, con probas conxuntas, como as carreiras de carretillas, ou individuais como os saltos de lonxitude ou altura, o tiro con arco, o lanzamento de peso ou a loita greco-romana, entre outras.
A rapazada tamén tivo a súa proba de obstáculos o sábado, o Gladiator Kids, con máis de 200 participantes de entre 3 e 10 anos que amosaron as súas habilidades e velocidade nos circuitos de 500 e 800 metros na praza 8 de Marzo.
A mañá de hoxe culmina co concerto dos Gin Toni’s no que se xuntan varias xeracións para cantar e bailar os éxitos da música española dos 80 e 90 na praza do Arquitecto Antonio Palacios.