Cincuenta equipos e sesenta corredoras e corredores participarán esta fin de semana na proba de ultra distancia “6 horas Vila do Corpus”. A carreira é 100% solidaria e está organizada pola Asociación Deportiva Corredores Festeiros e o Concello de Ponteareas en apoio a Down Vigo.
Dende a organización destacan que esta quinta edición bate récords de inscrición no apartado individual, ademais de que o 40% da inscrición é feminina. Todos os participantes correrán ata seis horas seguidas.
A proba deportiva comezará ás 20:00 horas na Praza Maior e rematará ás 02:00 horas, onde se amosará ao longo do circuíto urbano valores como a deportividade ou solidariedade nas seis horas que dura a proba.
Ao igual que outros anos, “6 horas Vila do Corpus” vai máis aló do deporte. De esta forma, haberá tamén actividades lúdicas para os máis pequenos con inchables, atraccións e xogos, ademais de postos de venda de camisetas a favor de Down Vigo e música en directo.
Unha vez rematada a carreira a organización informará do importe acadado para a doazón. Como novidade, a Asociación Deportiva Corredores Festeiros adianta que destinarán unha parte da recadación a crear unha beca para acceder ao deporte e orientación psicolóxica que destinarase a todos os nenos e nenas de Ponteareas -de 0 a 13 anos- que sofren algún tipo de discapacidade. “En edicións anteriores destinábamos unha parte dos fondos a algún colectivo como Adapta ou Discamino, este ano decidimos apoiar a todas as nenas e nenos para facilitar o acceso a prácticas deportivas e poder contribuír tamén cun acompañamento psicolóxico”, explica Francisco Aparicio, presidente da asociación.
A alcaldesa, Nava Castro, e o concelleiro de Deportes, Luis Rodríguez, subliñan a importancia desta proba «capaz de conxugar deporte e solidariedade e unir a deportistas, empresas e cidadanía en favor dunha asociación que dende o ano 1989 traballa para mellorar a calidade de vida das nenas e nenos con Síndrome de Down».