domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasÁrea de VigoO músico, Alberto Vilas, actuará este sábado en Redondela

O músico, Alberto Vilas, actuará este sábado en Redondela

O sábado, 13 de xullo, a finca do Carballo das Cen Pólas en Redondela acollerá o concerto do pianista e compositor, Alberto Vilas.

Nun espazo único coma este, o músico galego actuará a partir das 22:00 horas e presentará ante o público redondelano o seu último traballo, «Once cancións e unha danza». O concerto é un dos pratos fortes da programación cultural do verán proposta polo Concello de Redondela.

O compositor explica que, para o seu último traballo, afondou nas súas raíces redondelás. De feito, unha das pezas que compón a súa obra é dedicada ao seu lugar natal, concretamente, a canción “A danza das Espadas” que fala dunha das tradicións locais máis arraigadas na vila como é a Danza das Espadas da Festa da Coca.

O repertorio de «Once cancións e unha danza», tamén inclúe temas que homenaxean á música tradicional galega como «A Rianxeira», “Ven bailar Carmiña” ou «Catro vellos mariñeiros», entre outras.

O artista redondelán presentou o concerto este mércores, 10 de xullo, pola mañá na emblemática finca de Reboreda xunto a alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez.

Neste acto que inicia a conta atrás para o seu próximo concerto, Alberto Vilas destacaba que “ é un privilexio” o feito de poder ofrecer estas versións da música tradicional galega “nun lugar máxico como esta carballeira”.

Pola súa parte, a alcaldesa do Concello de Redondela, Digna Rivas, explicaba que este concerto supón tamén unha aposta por parte do goberno local por celebrar actividades nas diferentes localizacións que conforman a vila “para que a oferta cultural chegue ás distintas parroquias”. A isto sumábase, Rita Pérez mostrando a confianza en que este concerto, e o resto da programación de verá, sexa “un éxito” xa que desde a concellería de Cultura apóstase “polo talento local, xa que temos grandes artistas como é o caso de Alberto Vilas, seguro que tanto a veciñanza como os visitantes disfrutarán deste concerto”.

No recital, o músico contará coa colaboración de Cristina Suárez que acompañará ao compositor coa súa voz. Ademais, Alberto Vilas avanzou que farán “algún agasallo ao público” e presentarán algúns temas do novo traballo que están a preparar como unha versión de “María Soliña”.

Vilas fai un balance moi positivo da acollida que “Once cancións e unha danza” está a ter entre o público dende o seu estreno en decembro do 2023 e sinalaba como a xente “emociónanse e sorpréndense” coas versións que fai de temas populares galegos e defende que “a tradición tamén hai que renovala e refrescala”.

Presentación da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas

Antes do concerto, ás 21:30 horas, o recinto acollerá a presentación da Asociación de Amigos do Carballo das Cen Pólas.

O novo colectivo ten entre os seus obxectivos “a defensa do patrimonio natural e etnográfico que rodea a figura do Carballo das Cen Pólas”. Lembran, desde a asociación, que á sombra deste carballo estiveron grandes personalidades como Emilio Castelar, Valle-Inclán ou Juan Manuel Pereira e propoñen “promover a cultura popular xerada ao redor da figura do Carballo das Cen Pólas”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS