O CEIP Plurilingüe Nº2 de Tui vén de ser recoñecido co Distintivo de calidade de centros docentes «Sello Vida Saludable 2024» que outorga o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.
O BOE recollía onte a resolución da Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, onde se se recollen os 63 centros distinguidos a nivel nacional, dos que 11 son galegos e 7 da provincia de Pontevedra.
O “Sello Vida Saludable 2024” recoñece aos centros educativos que fomentan a aprendizaxe da saúde no ámbito educativo, así como a asunción de prácticas de vida saudables e unha educación física que permita o axeitado desenvolvemento persoal e social ao longo da escolarización do alumnado.
O CEIP Nº2 de Tui recibe este galardón polo traballo realizado dende o centro ao abeiro do proxecto “Diver-xente”, que levaron a cabo durante o curso escolar 2023-24, e no que afondaron nos ODS e na Axenda 2030.
Por outro lado, tamén tiveron en consideración a súa participación no Plan Proxecta: Aliméntate ben, no Proxecto de Vida Activa e Deportiva – PVAD, polas actividades realizadas no medio natural, por ser un Centro Residuos Zero e pola súa presenza no Programa Voz Natura, no que tamén foron premiados, xunto a outras iniciativas como o Proxecto Erasmus+ “Promovendo estilos de vida saudables e mente feliz”.
Este recoñecemento coincide co 50 aniversario do CEIP Plurilingüe Nº2 de Tui, e plasma o esforzo e traballo realizado por xeracións de nenos e nenas, profesorado e familias.
A concelleira de Cultura e Ensino de Tui, Sonsoles Vicente, salienta coma este distintivo de calidade de centros docentes «Sello Vida Saludable” é “un reflexo do compromiso da comunidade educativa do CEIP nº2 coa promoción de hábitos de vida saudable e a educación integral dos nosos nenos e nenas”. Engade que este recoñecemento non sería posible sen “o traballo diario de todo o equipo docente, a implicación das familias e, sobre todo, o entusiasmo e a participación do alumnado”.