O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na VIII Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia, organizada por Turismo de Galicia, onde puxo en valor o labor dos cociñeiros galegos para encher a oferta turística das cidades “e reforzar así a calidade do destino con propostas gastronómicas que son quen de atraer cada vez a máis visitantes”.
Durante o acto, Xosé Merelles puxo de manifesto a importancia que teñen os concursos de tapas celebrados durante o outono e inverno nas distintas cidades galegas como “importantes reclamos para o noso turismo”. Como dixo, o ano pasado o 46% do total da demanda hoteleira en Galicia correspondeu aos destinos urbanos especialmente fóra de temporada alta “e é importante que conten cunha oferta de calidade e diversificada”, expresou.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles eloxiou esta iniciativa creada pola Xunta de Galicia “a partir da cultura da tapa, pequenos petiscos cheos de sabor e matices capaces de sorprender aos padais máis esixentes”. Tamén lembrou que esta é a oitava edición desta cita que non deixa de sorprender “en capacidade creativa da gastronomía galega e na calidade dos produtos”. O director de Turismo de Galicia agradeceu moi especialmente a participación dos sete chefs nesta acción así como o seu traballo que xunto coa calidade do produto galego, “elevan a nosa gastronomía a un nivel de ouro”.
Durante a gala deuse a coñecer o nome do mellor cociñeiro De Tapas por Galicia 2024, elixido entre os sete cociñeiros dos concursos de tapas celebrados o ano pasado nas sete cidades galegas. Tamén se contou coa presenza da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte e as delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros e o delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo.
Premio do xurado e popular
Entregouse o premio concedido por un xurado profesional e outro popular. Os concursantes foron Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela) coa tapa Estamos como cabras; Manu Triay de Taberna Triay (A Coruña) con Donete recheo de cocido;Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) con Recordos da miña nenez. Tamén participaron desde Lugo Bret Fernández de Prebe by Bret coa tapa Xurel Black Coupage; Gabi Conde de Restaurante Portovello (Ourense) con A Terma, Kevin Carreño de Nikko Espacio Gastronómico (Vigo) con Nigiri de crokketa de carabineiro e Daniel Carramal de Loaira Xantar (Pontevedra) con trasmallos de neboeiro.
Finalmente, o premio do xurado profesional recaeu en Manu Triay de Taberna Triay (A Coruña) con Donete recheo de cocido e o premio do público foi para Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) con Recordos da miña nenez.