domingo, septiembre 8, 2024
InicioNewsActualidadeA Feira do Libro de Ponteareas presenta un programa variado e para...

A Feira do Libro de Ponteareas presenta un programa variado e para todos os públicos

María Solar, Ledicia Costas, Suso de Toro, Manuel Esteban e Alfonso Pexegueiro son algúns dos autores que presentarán e asinarán as súas obras

«Se os programas de actividades das feiras dos libros optaran a premios o desta edición de Ponteareas subiría ao podio», así resume a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o contido da programación que presenta a Feira do Libro de Ponteareas.

Dende o xoves 11 ata o domingo 14 de xullo os Xardíns da Xiralda acollerán esta nova edición na que haberá actividades para todos os públicos con visitas guiadas para cativas e cativos, teatro, contacontos, música, recitais poéticos, presentacións de libros, sinaturas nas librarias locais e outras moitas propostas que traerán a Ponteareas a máis dunha trintena das escritoras e escritores máis salientables da escrita galega. Amais de nomes do calibre de Alfonso Pexegueiro, Ledicia Costas, Iolanda Castaño, María Solar, Xina Vega, ou Manuel Esteban, contaremos coa presencia de valores emerxentes como Cristina Rey, Beatriz García Turnes, Samuel Merino, Óscar Guzmán ou Xulio Teixeira, entre outros.

Manrique Fernández, responsable do programa de actividades, destacou que esta listaxe de autores compleméntase «cunha variedade de materias para todos os gustos e para todas as idades».

Ás seis da tarde de xoves abrirá a programación un espectáculo infantil para dar paso a sinaturas de libros e presentacións de Samuel Ferro e Santiago Pazhín antes da lectura do pregón ás 20:00 horas a cargo do escritor ponteareán Alexandro Bouzó. Ex alumno do IES do Barral gañou tres concursos de relatos e escribe poesía dende os dez anos, a súa primeira novela titúlase “Pensamiento contrafáctico” e acaba de publicar a segunda, «A cesta de mazás». A continuación, ás 21:00 horas, a escritora e xornalista María Solar presentará “Adeline” da editorial Xerais, unha homenaxe a Carmilla, a primeira vampira literaria que se presentou ao mundo hai máis de século e medio, antes de Drácula.

O venres día 12 a Feira do Libro de Ponteareas abre ás 12:00 horas para ofrecer novas sinaturas de libros, recibir á infancia e acoller presentacións ata á hora de peche ás 22:00 horas. Nesta xornada participarán as e os escritores Xina Vega, Diego D. Fer, Baia Fernández, Beatríz García, Alba López, Raquel Castro, Cristina Rey, Óscar Guzmán, Sandra Acuña e Carmen Pereiro.

O sábado de mañá haberá recital de poesía galego-palestina, a sinatura de libros de Samuel Ferro e Sara Alonso e a presentación do libro de Xulio Teixeira “As vidas do río” da editorial Galaxia. Pola tarde, asinarán libros Alba López, María Herranz, Raquel Castro e Juan Abalde. Tamén presentarán as súas obras os escritores de Xerais Ledicia Costas e Manuel Esteban, ás 19:00 e 21:00 horas respectivamente.


As 20:00 horas, Ponteareas vivirá un momento de emocións e recordos co recital de poesía comentado que ofrecerá a poetisa, guionista e presentadora de televisión, comisaria de mostras de Arte e poesía, autora infantoxuvenil, tradutora e ensaísta Iolanda Castaño.

Tendo apenas dezasete anos gañou o Premio Fermín Bouza Brey de Poesía que lle permitiu darse a coñecer coa publicación de “Elevar as pálpebras”(1995). A partir dese momento iniciou unha carreira meteórica que a levou a publicar algún dos títulos máis destacados da lírica galega das últimas décadas, a súa escrita tense vertido a unha vintena de idiomas.

O domingo será o último día desta edición da Festa do Libro que dende as 12:00 horas ata as 22:00 horas acollerá actividades infantís, sinaturas de libros con Inma Soto, Raquel Fernández e Pablo Prado; ademais da presentación da obra máis recital de Samuel Merino e da obra de Luís Soto. Ás 20:00 horas chegará unha das novidades do programa co encontro entre autor e personaxe “Os ollos de Iqbal choraban”, no que o noso prezado escritor Alfonso Pexegueiro conversará co protagonista de “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes” (Lumbría).

A Feira do Libro de Ponteareas pechará coa presentación do libro “Fermín Bouza Brey”, da colección “Creadores ponteareáns” do Concello de Ponteareas acompañada dun recital de poemas de Bouza Brey.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS