É unha das distintas citas deste encontro que conta co apoio de Turismo de Galicia e que levará tamén á cidade de Vigo o vindeiro ano a Anastacia
A Xunta de Galicia impulsa mañá en Vigo o concerto da canadiense Loreena McKennitt no marco da programación de Gozo Festival, unha das grandes citas musicais que apoia o Goberno galego este ano no seu obxectivo por promover e apoiar grandes eventos musicais que sexan quen de atraer distintos tipos de público e que poidan converterse en efecto tractor para o turismo e reforzar a imaxe de Galicia nacional e internacionalmente.
O concerto, promovido pola produtora Sweet Nocturna, permitirá coñecer á que é unha das figuras icónicas da música celta. Os seus máis de 15 millóns de discos vendidos en todo o mundo, con discos de ouro, platino e multiplatino en 15 países e un extenso legado, convertérona nunha das máximas referencias das últimas décadas. Celebrarase no Auditorio Mar de Vigo e as entradas están a piques de esgotarse. Trátase do único concerto en Galicia tras 16 anos despois de visitar a comunidade.
Este concerto é un dos que están programadas dentro de Gozo Festival en Vigo, onde a Xunta impulsa tamén a celebración o ano que vén do concerto de Anastacia o próximo 16 de marzo de 2025. A cantante americana, con máis de 30 millóns de discos vendidos, anunciou o tour europeo que a traerá por primeira vez a un escenario galego, sendo Vigo a cidade escollida.