As obras de acondicionamento incluíron a renovación do pavimento, a creación dun carril ciclista bidireccional e outro para peóns, e a instalación de iluminación con máis de 60 puntos de luz
A transformación da contorna do Louro materializarse. Ciclistas e peóns disfrutan xa do renovado paseo, un tramo de quilómetro e medio (1.460 metros exactamente) que cada día transitan centos de veciños, pequenos e maiores.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Alejandro Lorenzo, inauguraron oficialmente a ruta, unha vez finalizadas as obras de acondicionamento que incluíron a instalación de alumeado público, con máis de 60 novos puntos de luz, e a mellora do pavimento habilitando un carril ciclista bidireccional e outro para peóns, eliminando o tráfico rodado.
A responsable autonómica de Infraestruturas quixo destacar que este proxecto é “froito da colaboración entre as dúas administracións, Concello do Porriño e Xunta, que a través do Plan Hurbe quere axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza, a humanización e ao fomento da mobilidade sostible, como este do Porriño”. Martínez Allegue lembrou que as obras requeriron unha inversión de máis de 400.000 euros, cun 70% de fondos autonómicos e un 30% que asumiu a entidade local.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo lembrar que o acondicionamento desta senda é a primeira fase dun proxecto máis amplo que pretende transformar a contorna do Louro nunha gran área verde lecer, con parques para os nenos e zonas de recreo. “Para isto xa iniciamos a compra de parcelas a particulares, trátase dunha superficie de máis de 100.000 metros cadrados que abarca todos os terreos entre a vía do tren e a beira do río e que supoñerá unha inversión aproximada dun millón de euros”.
Con esta actuación O Porriño suma e sigue en zonas verdes e recreativas. Está en marcha o gran espazo en pleno casco urbano que une as rúas Antonio Palacios e Pío XII e tamén a remodelación integral do antigo Campo da Feira. Ademais ten proxectadas tamén áreas de lecer e adecuación de espazos públicos nas diferentes parroquias.