O Concello de Salceda de Caselas presentou este venres a súa nova marca, «Salceda Móvese». Unha iniciativa que representa o corazón das actividades de cultura, deporte e lecer da vila cunha nova identidade visual e conceptual deseñada para capturar a esencia e a paixón que une a o Concello «como comunidade».
«Salceda Móvese» simboliza o dinamismo e a vitalidade de Salceda de Caselas, unha vila composta por sete parroquias, todas elas interconectadas polas inquedanzas e a enerxía dos seus veciños e veciñas. A nova marca pretende ser unha homenaxe a ese sentimento que comparte os habitantes da vila, como sinónimo da unión de sete pezas esenciais, como son as parroquias, que conforman unha soa peza en forma de corazón.
O logotipo de «Salceda Móvese» está inspirado na paixón desta vila e a tipografía xunto coas cores simbolizan a diversidade e a riqueza do seu día a día que van dende o deporte ata a cultura, pasando polo lecer. Esta nova imaxe será adaptada e aplicada en diferentes soporte.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, sinalou: «Con ‘Salceda Móvese’ queremos destacar o espírito activo e participativo da nosa xente. Esta marca é un reflexo da nosa identidade e das nosas paixóns. Queremos que todos e todas se identifiquen e sintan orgullo do que somos e do que facemos».
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Álex Rodríguez, expresou: «A nova marca non só promove as actividades que nos caracterizan, senón que tamén busca impulsar novas iniciativas que fomenten o benestar e a cohesión social en Salceda. Este é un proxecto que implica a todos os colectivos e tamén á veciñanza».
Desta forma, cúmprese unha das peticións dos colectivos sociais de crear unha plataforma de comunicación e difusión para as súas actividades, e tamén un dos puntos do programa electoral do equipo de goberno.
A marca foi creada pola axencia galega ‘What the Flow’, que en todo momento buscaron con este branding que a veciñanza sentise o latexo do corazón de Salceda, nas 7 parroquias e a través das actividades de cultura, deporte e lecer.