O Goberno de España adheriu aos Concellos de Redondela e Mondariz, de forma obrigatoria, a un novo Procedemento de Pago a Proveedores impulsado polo Ministerio de Facenda para que as entidades locais salden débedas pendentes. Xunto a Vilanova de Arousa e Cuntis, son 4 os concellos da provincia na mesma situación. No caso de Redondela, o importe máximo que financiará o Estado polas súas facturas sen pagar ascende a 3,3 millóns de euros e en Mondariz será de 1,6 millóns.
A Comisión Delegada para Asuntos Económicos do Goberno acordou o 24 de xuño o novo procedemento para atender as obligacións de pago a provedores das entidades locais. O cambio supón que o Estado ordenará o pago das débedas cos cartos que corresponden á financiación das arcas municipais, e chegado o caso, detraendo as partidas mensuais correspondentes a súa Participación en Ingresos do Estado (PIE).
O PP, grupo da oposición en Redondela e Mondariz, desvelou en ambos casos a inclusión dos concellos no sistema mediante notas de prensa tituladas de forma similar: «O Goberno asume o control do pago a provedores do Concello ao crecer os impagos.»
Así, os populares de Redondela lamentan «a incompetencia general do goberno de Digna Rivas, pero especialmente da económica». En palabras da concelleira Ana Alonso, «a mala xestión das contas do Concello que vimos advertindo fai tempo, vai ocasionar graves perxuizos ao municipio». Afirma que «o Estado vainos detraer os cartos para facer fronte a estas obligacións e imos recibir unha cuantía claramente inferior», o que «aboca a recortes en inversións e servizos, ou subida de impostos».
No último pleno, o PP de Redondela propuxo que as 3.000 facturas pendentes, por 3,1 millóns de euros, se dividisen en bloques e se pagase primeiro a provedores locais. O bipartito (PSOE-AER) rechazouno, co apoio do BNG.
Deuda «herdada»
En Mondariz, o alcalde Xosé Carlos Montes «Calis» negou que a débeda con provedores ascenda a 1,6 millóns, senon que é o importe máximo ao que pode acceder o Concello no Procedemento de Pagos. Neste sentido, Calis explica que o montante das facturas sen pagar o ano pasado era de 1,1 millóns, e de aí xa se abonou unha parte aos provedores. Tamén indicou que a débeda vén «maioritariamente herdada do goberno anterior». Pola súa parte, o PP relaciona esta situación coa «mala xestión das contas do Concello, que vimos de advertir fai tempo.»
Mondariz terá que ir pagando ao Estado ao longo de 14 anos
Ante a situación, o alcalde de Mondariz explica que “non vale lamentarse e buscar culpables, é unha situación à que se chega despois de moitos anos de atrasos e desequilibrio na economía municipal. O Estado farase cargo de pagar a proveedores e o Concello terá que ir pagando ao Estado ao longo de catorce anos”.
A concelleira de Facenda, Mónica Vázquez, explica que no mes de setembro o Concello ten que presentar a relación de pagos pendentes e se os provedores están conformes co procedemento poderán cobrar o pendente en outubro. A partir de aí, o Concello de Mondariz terá que aprobar un plan de axuste no que planifique a economía do Concello nos vindeiros anos coa obrigatoriedade de reducir o gasto corrente e incrementar algunhas taxas e impostos municipais.
Aínda que no acordo da Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos do 24 de xuño se indica como importe máximo financiable 1.664.549 euros, este dato foi tomado de remisións de información anteriores e actualmente a débeda a provedores é menor.
“Haberá que ir devolvendo ese adianto que o Estado fará aos proveedores, por iso de aquí a setembro tentaremos que sexa o menor importe posible para que as medidas de reaxuste tamén sexan as menores posible”, engade o alcalde.