lunes, septiembre 16, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoConta atrás para que comece a Feira do Viño do Rosal

Conta atrás para que comece a Feira do Viño do Rosal

O próximo venres, 12 de xullo, arranca a XXXII Feira do Viño do Rosal cunha programación con grandes novedades entre elas o aumento na oferta das actividades tanto de ocio como enolóxicas.

O Concello do Rosal e a Confraría dos Cabaqueiros do Viño do Rosal presentaron hoxe a XXXII edición da Feira do Viño do Rosal, a celebración vinícola máis destacadas da comarca. O evento tivo lugar no Lagar en Eiras e contou coa asistencia da alcaldesa do Concello do Rosal, Ánxela Fernández, o concelleiro de Turismo, José Carlos Martínez, así como, representantes das nove adegas que conforman a Confraría e entre os que se atopaba o novo presidente, Carlos Gómez, tamén director de Adegas Valmiñor.

Durante a presentación, a alcaldesa, Ánxela Fernández, e o presidente da Confraría dos Cabaqueiros do Rosal, Carlos Gómez, presentaron o cartel do evento e a súa programación. Trátase da Feira do Viño con máis horas de lecer e actividade enolóxica da súa historia.

A inauguración, tal e como avanzaron na presentación do evento, será o vindeiro  venres 12 de xullo ás 13:00h, na Praza do Calvario coa lectura do pregón da man de Fernando Gurucharri, experto en viticultura.

Os asistentes poderán gozar de todo tipo de actividades para desfrutar en familia. Entre as que se encontra un scape room centrado no sector vitivinícola, onde nenos e nenas xunto con Xosé Tomás froito viaxarán a través da obra “Entre viñas e viños do Rosal” e tamén haberá tempo para espectáculos de maxia e globoflexia, entre outras actividades.

Por outro lado, haberá un obradoiro de cociña para a cativada. Ademais, contarase con concertos musicais de diversos estilos a cargo de La Patrulla, Brass Atlantic, Os Revenidos, El Síndrome de Penny Lane ou Helen & Shana, que farán do evento un punto de encontro musical para tódalas idades, e con diferentes exposicións de filatelia, pintura ou fotografía.

Nesta XXXII edición aumenta a programación enolóxica ofertando ata dúas catas ás 11:30 horas, o venres e o sábado. Para poder asistir a elas é necesaria a inscrición previa, que se poderá realizar a través do seguinte enlace https://drive.google.com/file/d/1DsxQqj11ItzG11RkOREJsIQWNhej5j-f/view ou chamando ao Concello.

Outra das propostas busca unha revalorización do patrimonio do Rosal cunha visita guiada polos Muíños do Folón e do Picón. Para poder realizar esta actividades tamén é necesario a inscrición previa no enderezo anterior.

Por último, a Feira do Viño do Rosal terá servizo propio de autobús circular con dúas rutas, unha polos barrios do Rosal e outra polas localidades da comarca como Tui ou Tomiño.

A XXXII Feira do Viño do Rosal, recoñecida como Festa de Interese Turístico, terá como protagonista un ano máis ao viño producido baixo a Denominación de Orixe Rias Baixas, Subzona O Rosal. As nove adegas que conforman a Confraría (Adegas ValMiñor, Adegas Novás, Altos de Torona, Lagar de Pedregales, Lagar de Cervera, O Aforado, Quinta de Couselo, Santiago Ruiz e Terras Gauda) contarán coas tradicionais casetas instaladas na renovada Praza do Calvario, onde tamén se desfrutará da maridaxe do viño cunha gastronomía que verá incrementada a súa variedade e oferta.

“Celebramos a importancia dun sector e dun produto que é parte da nosa identidade, cultura, orixe, tradición, historia, presente, futuro e orgullo rosaleiro. O traballo de moitas persoas, veciños e veciñas, cunha gran calidade humana, profesional, delicadeza e cariño na elaboración destes caldos é un dos piares fundamentais que está detrás da recoñecida calidade do viño do Rosal. O viño é un patrimonios cultural e social de todos os Rosaleiros e Rosaleiras e a Feira do Viño o escenario onde compartimos, damos a coñecer, recoñecemos, valoramos e gozamos da súa maridaxe coa música, o lecer, as amizades, a familia e os visitantes con todo tipo de actividades innovadoras”, relatou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández.

O Concello e a Confraría dos Cabaqueiros do Rosal convidan a toda a veciñanza e visitantes a gozar da mellor Feira do Viño con toda a familia e amizades brindando co mellor viño, o do Rosal.

Poderase consultar toda a información das actividades na páxina web do Concello e nas redes sociais da Feira do Viño (@feiradovino).

Programa completo da XXXII Feira do Viño do Rosal

Programa Feira do Viño
مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS