domingo, noviembre 24, 2024
InicioNewsComarcasPonteareas denuncia actos vandálicos contra os colectores de lixo

Ponteareas denuncia actos vandálicos contra os colectores de lixo

A concellería de Seguridade solicita a colaboración cidadá. A Policía local traballa na identificación dos responsables

O Concello de Ponteareas, a través da concellería de Seguridade que dirixe o primeiro tenente de alcaldesa Juan Carlos Carrera, denuncia os actos vandálicos acontecidos esta fin de semana nos que se queimaron varios colectores do lixo.

Juan Carlos Carrera lamenta estes incidentes que destrúen mobiliario de uso público esencial para o día a día das persoas. “Os espazos e bens públicos así como o mobiliario e todo tipo de ferramentas de uso público son de todas e todos. Cada vez que danamos algo estamos prexudicando a toda a cidadanía e tamén á economía de todas e todos”, sinala o primeiro tenente de alcaldesa.

Carrera solicita a colaboración da cidadanía na identificación das persoas que cometen este tipo de actos, “é indispensable traballar en equipo coa Policía Local que vai garantir en todo momento o anonimato. Pedimos a aquelas persoas que teñan información veraz que a trasladen á Policía Local sen medo porque os seus datos persoais non van transcender”.

Dende a Concellería de Seguridade aseguran que non van deixar pasar por alto este tipo de actitude que se reitera nos últimos meses ocasionando graves prexuízos para o concello e para o desenvolvemento diario das actividades de limpeza e recollida de lixo.

“Afortunadamente temos unha cidadanía cívica e non imos deixar que a mala actitude duns poucos afecte ao resto. Por este motivo seguiremos traballando ata identificar ás persoas responsables”, conclúe Carrera.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS