Robe Mattia e Grey Olivera, activistas de Nós Mesmas, dirixen unha charla coloquio o mércores 3 de xullo no Centro Cultural
As actividades de conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ continúan no Porriño. Este mércores 3 de xullo, a partir das 20:00h, o Centro Cultural acollerá o coloquio `A diversidade, parte de nós. Celebra o Orgullo”, dirixido por Robe Mattia e Grey Olivera, dúas activistas de Nós Mesmas desde fai máis de 8 anos.
A través da súa experiencia persoal e activista explicarán que é a diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar, resolvendo as dúbidas que poidan xurdirnos e rompendo mitos e tabúes.
Falarán da situación real do colectivo, dereitos, reivindicacións de futuro e delitos de odio, así como sobre a importancia de conmemorar o Orgullo coa implicación de todos os axentes sociais.
A asociación Nós Mesmas é unha organización feminista que neceu no ano 2008 da man dun grupo de mozas novas que se plantexaron como obxectivo contribuír á construción de vías alternativas de pensamento para acadar as condicións necesarias para o exercicio e pleno disfrute por parte das mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais dos seus dereitos. Traballan para erradicar a discriminación que segue existindo contra o colectivo LGTBI.