As alegacións presentadas ao PXOM dentro do prazo de exposición pública, do 21 de marzo de 2024 ao 21 de xuño, foron 1.311. Así o avanzaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, nunha rolda de prensa na que valoraron de xeito moi positivo a resposta da veciñanza. “Estamos moi satisfeitos de que tanto veciños e veciñas particulares, como asociacións e colectivos teñan presentado as súas alegacións, xa que desde o Concello fixemos un gran esforzo para trasladarlles toda a información, co asesoramento dunha oficina técnica aberta todos os días durante o prazo de exposición pública” afirmou Digna Rivas.
A oficina técnica atendeu máis de 1.400 consultas e o visor dixital do PXOM na páxina web do Concello rexistrou máis de 22.200 visualizacións.
Solo industrial
O edil de Urbanismo explicou que o planeamento está condicionado non só polas directrices que establece a Xunta de Galicia na Lei do Solo, senón tamén polas múltiples infraestruturas que afectan a Redondela. A Autoestrada do Atlántico (AP-9), as estradas N-550, N-552 e N-555, o aeroporto de Peinador e as liñas de ferrocarril limitan os usos do solo. Todos estes condicionantes, unidos a unha orografía complexa con moitos desniveis “impiden establecer grandes áreas industriais no municipio”.